Friday 22 de November de 2024

Feijóo salienta que a Sanidade pública galega está a superar o debate sobre a súa viabilidade para centrarse no das novas prestacións e novos retos como o envellecemento


“Todo o equipo humano que traballa no eido da Sanidade pública ten demostrado que ao longo destes cinco anos foron capaces de implementar os obxectivos desta Estratexia 2010-2014. Traballouse con rigor e con desafío”, afirma e avanza que a nova Estratexia 2015-2020 contará con preto de 20.000 millóns de euros

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a Estratexia Sergas 2010-2014 está a permitir superar o debate sobre a viabilidade da Sanidade pública galega para centrarse no das novas prestacións que se poden incorporar e no envellecemento da poboación en Galicia, en España e na Unión Europea.

Durante a presentación da Avaliación Estratexia Sergas 2010-2014, Feijóo lembrou que se xestionar a sanidade pública xa era unha tarefa complexa mesmo cando os orzamentos públicos medraban cada ano, o panorama que se atopou na Xunta en 2009 foi ben diferente. “Non había abundancia orzamentaria senón que tiñamos que utilizar no senso máis profundo os principios da eficiencia, do rigor e da contención no gasto nun contexto sen precedentes desde que a competencia en materia de Sanidade pública foi traspasada ás comunidades”, asegurou, logo de precisar que “o obxectivo era facer que o centro de atención das políticas da Xunta en recesión económica fosen os cidadáns, e iso pasa por priorizar os servizos sanitarios”.

O titular do Goberno galego salientou que nese contexto foi no que se aprobou a Estratexia Sergas 2014, cuxo lema era toda unha declaración de intencións: “a Sanidade pública ao servizo do paciente”. Ao que engadiu que para acadar ese obxectivo investíronse preto de 15.000 millóns de euros, “que foi o que destinamos aos servizos sanitarios nestes últimos cinco ano”.

Nesta liña, precisou que a Estratexia 2014 tiña dous obxectivos delimitados: salvagardar o Servizo Galego de Saúde no momento máis delicado da súa historia, “conter o seu gasto nun contexto de responsabilidade, sen poñer en risco nin a súa eficiencia, nin a súa efectividade, nin a atención universal”; e máis a medio e longo prazo, modernizar e axilizar a Sanidade pública, “sentar as bases dun sistema sanitario sólido, ordenado e sustentable no tempo”.

A Estratexia Sergas 2015-2020 contará con preto de 20.000 millóns de euros
Feijóo asegurou que grazas ao esforzo dos profesionais do Sergas, non só se conseguiu preservar a Sanidade pública durante a crise económica, senón que tamén se cumpriu co obxectivo de mellorala. “O Servizo Galego de Saúde de hoxe ten máis certezas cara á súa viabilidade futura, mellores infraestruturas, menos lista de espera nas patoloxías que requiren maior urxencia e unha atención ao paciente cunha dotación tecnolóxica máis renovada”, afirmou, incidindo en que grazas ao esforzo combinado dos profesionais e dos xestores sanitarios, a Sanidade pública está a superar o desafío máis duro da súa historia; “e, agora que as circunstancias son algo mellores, o orzamento do Sergas é o máis alto dos últimos cinco anos”.

“Todo o equipo humano que traballa no eido da Sanidade pública ten demostrado que ao longo destes cinco anos foron capaces de implementar os obxectivos desta Estratexia 2010-2014. Traballouse con rigor e con desafío”, engadiu, logo de avanzar que a nova Estratexia 2015-2020 contará con preto de 20.000 millóns de euros.

Feijóo incidiu en que os froitos da Estratexia Sergas 2014 se reflectirán tamén no medio e longo prazo. “Non só preservamos a sanidade, senón que tamén melloramos as infraestruturas, modernizamos a maquinaria e os sistemas informáticos e optimizamos a atención ao paciente”, abundou.

No tocante ás infraestruturas, o presidente do Goberno galego referiuse á posta en marcha de novos hospitais públicos e novos centros de saúde públicos: “Abrimos o Hospital Lucus Augusti; este mesmo ano entrará en funcionamento o novo hospital de Vigo, a infraestrutura hospitalaria pública máis grande de España; temos 20 centros de saúde máis que en 2009 e outros sete están en construción”, destacou entre outras obras.

Diante destas cifras, aseverou que neste ano 2015, cinco de cada dez galegos terán no seu ámbito un hospital público ou centro de saúde novo ou renovado. E, en 2016 serán sete de cada dez galegos os que contarán na súa área de influencia cun centro sanitario novo e renovado.

Neste sentido, Feijóo resaltou, tamén, o investimento en tecnoloxía sanitaria e o aproveitamento dos recursos informáticos para mellorar a Sanidade: “Estamos a levar a cabo o plan de renovación de tecnoloxía sanitaria máis ambicioso da España actual, no que a Xunta investiu 88 millóns de euros. O socio tecnolóxico, ademais, permitirá que a maquinaria sanitaria galega estea en renovación constante e garántenos que a tecnoloxía do Sergas nunca quedará obsoleta sen ser renovada. Este investimento, ademais, permitirá tamén dotar de unidades de radioterapia e medicina nuclear ao Hospital Lucus Augusti, neste 2015”, dixo, logo de resaltar as posibilidades que ofrece a informática para mellorar os servizos sanitarios, entre os que destacou a imaxe dixital, a receita e a historia clínica electrónicas.

“En xaneiro de 2009, eran só tres de cada mil as receitas que se expedían de xeito electrónico. Hoxe acadan o 100%”, incidiu o presidente da Xunta neste eido.

Así mesmo, salientou que a Lei de garantías sanitarias aprobada a finais de 2013 supón unha iniciativa pioneira que amplía os dereitos dos pacientes. “Recoñece o dereito á libre elección de médico e centro, o acceso a unha segunda opinión médica, a manifestación das instrucións previas do paciente e o tempo máximo de espera”, recordou.

Un Servizo galego de Saúde máis sustentable, máis resolutivo e máis accesible
Feijóo remarcou que grazas aos esforzo compartido dos cidadáns e dos profesionais, o Sergas de 2015 é máis sustentable: “A factura farmacéutica reduciuse entre 2011 e 2013 en 238 millóns de euros e a implantación da compra integrada permitiunos aforrar máis de 40 millóns de euros”. E, grazas ao esforzo compartido dos seus profesionais o Sergas de 2015 aproveita mellor os recursos que ten dispoñibles e conseguiu optimizar o seu rendemento sanitario con 300.000 consultas en horario de mañá máis e 28.000 operacións máis que en 2009.

O Sergas de 2015 ofrece, ademais, unha maior estabilidade laboral aos seus profesionais, pasando dun 76% de persoal estable en 2009 a un 81% neste mesmo ano. E conta cuns servizos de atención primaria moito máis resolutivos, realizándose hoxe menos derivacións que hai cinco anos e reducíndose en 90.000 as urxencias atendidas nos hospitais galegos, ao incrementarse as que se levan a cabo nos puntos de atención continuada.

No tocante ao tempo medio de espera para as primeiras consultas no hospital pasou de máis de 70 a 49 días, mentres que nas listas de espera hai 90.000 persoas menos que hai cinco anos.

Feijóo concluíu a súa intervención garantindo o compromiso do Goberno galego coa Sanidade pública galega.