Friday 22 de November de 2024

A Filomoteca de Galicia retoma a súa programación de sala cun ciclo de Francois Truffaut


— Exhibiranse 12 filmes do director francés recoñecido como un dos impulsores da Nouvelle vague

— Haberá sesións dedicadas á directora norteamericana Bette Gordon, protagonista do Festival Play-Doc que se desenvolve en Tui a partir do 22 de setembro

A Filmoteca de Galicia retoma hoxe na Coruña a súa programación coa primeira sesión do ciclo dedicado ao cineasta francés François Truffaut, que se prolongará todo setembro. Xunto a el, a carteleira prevista para este mes inclúe tamén a exhibición de diversos filmes da directora norteamericana Bette Gordon, unha das protagonistas do Festival Play-Doc que se desenvolve en Tui a partir do día 22, e a continuación dos espazos Off Galicia e Fóra de Serie.

Así, a Sala José Sellier abre hoxe a carteleira desta segunda metade do ano cos filmes de Truffaut Los moscosos e Los 400 golpes. Na xornada de mañá haberá unha dobre sesión de Tirad sobre el pianista. Xa na vindeira semana, os títulos seleccionados para o martes, xoves e venres son Jules y Jim, La piel suave e La novia vestía de negro, respectivamente. Seguiranlles nos mesmos días da semana seguinte Antoine et Colette, Besos robados, La sirena del Mississippi e El pequeño Salvaje. Domicilio conyugal e Las dos inglesas y el amor pecharán o último martes e xoves do mes as sesións dedicadas ao director francés, recoñecido como un dos impulsores da Nouvelle vague.

Bette Gordon é outra das protagonistas de setembro na Filmoteca de Galicia, no marco da colaboración co Festival Play-Doc, que se desenvolverá en Tui do 22 ao 26 de setembro, e no que participará esta cineasta norteamericana. A Filmoteca de Galicia dedicaralle as sesións do día 29, coa exhibición de Michigan Avenue, i-94 e Variety, e do 1 de outubro, con The United States of America, Anybody´s woman e Empty Suitcases.

O ciclo Fóra de serie ofrecerá novas entregas os mércores 15 e 22, cos filmes El teléfono del viento, de Nobuhiro Suwa, e La mujer que se escapó, de Hong Sang-soo. Os sábados seguirán dedicándose a Off Galicia, cos títulos previstos son 9 Fugas, de Fon Cortizo, para o día 11, e 7 limbos, de Alexandre Cancelo e Berio Molina, para o 18. O palmarés do Festival de Cans 2021 centrará a sesión do sábado 25 e Lucía Estévez farao na do 2 de outubro cos seus traballos Cuna, Muller personaxe e A danza filmada.