— Medio Ambiente indica que o Ministerio xustifica o estado desfavorable da especie cun informe sexenal, que adolece de precisión e elaborado de xeito unilateral, sen contar cos datos técnicos e obxectivos aportados pola Consellería
— Nas alegacións remitidas tamén se indica que o Goberno central non achega ningunha novidade respecto dos criterios e razóns xa empregadas para avalar a súa decisión de incluír na Lesrpe as poboacións de lobo ao norte do Douro
A Xunta de Galicia advierte ao Goberno central que segue a replicar os criterios sen base científica, nin técnica e pouco rigorosos, para pechar a inclusión do lobo na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe), pendente do ditame definitivo do Consello do Estado.
Esta semana, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio remitiu as alegacións ao informe elaborado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico tras un requirimento solicitado polo Consello de Estado para xustificar esta inclusión.
Cómpre lembrar que o máximo órgano consultivo trasladou en xullo ao Ministerio as súas dúbidas ao respecto de que o aumento da protección do lobo estea xustificada nos termos que propón, polo que solicitou un informe máis pormenorizado. Así, durante o período de audiencia, a Xunta solicitou acceso á documentación achegada, co fin de que os servizos técnicos e xurídicos da Consellería fixeran unha análise á nova argumentación e defensa que acredita a decisión ministerial.
En termos xerais, a Xunta denuncia que o Ministerio non aporta ningunha novidade —nesta última memoria xustificativa— respecto da argumentación coa que xustificou esta decisión e que xa é a base científica que aportou a Asociación para a conservación e estudo do lobo ibérico (Ascel) para solicitar a súa inclusión na Lesrpe.
A Xunta tamén aclara que o Goberno central considera que o estado de conservación do lobo é desfavorable apoiándose nun informe sexenal (2013-2018) carente de precisión, dado que foi elaborado de forma unilateral polo Ministerio, sen ter en conta os datos técnicos e obxectivos aportados pola Comunidade e sen ter en conta a información do censo poboacional de 2015 de Galicia.
Así mesmo, o Consello de Estado indicaba no seu requirimento que o Ministerio debía concretar as razóns polas que se procede a entrada en vigor de xeito inmediato da orde e completar a análise sobre o impacto económico da norma, pero, tal e como alega Medio Ambiente, o Ministerio non as cuantifica, malia sinalar que se deberán estudar medidas de prevención por danos.