— Agradece ao alumnado, familias, profesorado e equipos directivos o seu traballo na pandemia que, confía, “volverá ser un exemplo para todos este curso”
— Refírese especialmente ao compromiso dos 198 directores e directoras de centros escolares que se estrean este curso por dar “un paso adiante” neste momento
— Afirma que Galicia está preparada para que os centros sigan sendo lugares seguros grazas á vacinación e a experiencia e reafirma que é “imprescindible” impulsar novas melloras para dar continuidade aos logros académicos da última década
— Salienta a apertura do centro de Coirós, cun investimento de case 800.000€, como unha mostra da aposta decidida da Xunta polo ensino no rural
— Hoxe volven ás aulas un total de 187.624 alumnos desta etapa, de Primaria e de Educación Especial
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou o novo curso 2021/22 como unha oportunidade para avanzar na normalidade do ensino. Fíxoo nunha visita á nova Escola de Educación infantil (EEI) de Coirós que abre hoxe as súas portas neste concello coruñés, desde a que quixo enviar os seus bos desexos á comunidade educativa galega e transmitir unha mensaxe de esperanza de cara ao ano académico que comeza.
Neste sentido, o representante da Xunta de Galicia fixo fincapé en que, un ano máis “a comunidade educativa fai ser un exemplo no cumprimento das normas, de tal xeito que os centros escolares van volver ser lugares seguros fronte á pandemia, como xa o foron o curso pasado”. Así mesmo, recordou que a experiencia acumulada e o avanzado estado da vacinación dos nenos de 12 anos en diante fan que o escenario de inicio deste curso sexa máis favorable que o de setembro de 2020.
Sen baixar a garda
O representante do departamento educativo do Goberno galego agradeceu ao alumnado, familias, profesorado e equipos directivos o seu traballo na pandemia. Especiais palabras tivo para os 198 directores e directoras de centros escolas que debutan nesta función por dar “un paso adiante” neste momento no que se precisa de liderados comprometidos.
Román Rodríguez confiou en que, a medida que a evolución da situación sanitaria e á par do resto da sociedade, se poida ir avanzando na transición cara á fin da pandemia. “isto vai supoñer recuperar espazos que se sacrificaron o pasado curso para acadar a máxima presencialidade e recuperar unha normalidade que vai redundar dun xeito moi positivo no benestar da comunidade educativa”, destacou o conselleiro. Con este obxectivo, refórzase nun 40% o Fondo de Reserva de Garantía Educativa a disposición dos centros con 10M€.
Do mesmo xeito, salientou que é “imprescindible” impulsar novas melloras para dar continuidade aos logros académicos da última década, materializados en resultados como a redución do abandono escolar á metade (do 25,8% en 2009 ao 12% en 2020) ou o resultado no informe PISA que sitúa a Galicia ao nivel dos mellores países de Europa.
Para iso, indicou, a Xunta vai seguir apostando por novos programas educativos, como a Estratexia Educación Dixital 2030, aprobada a semana pasada, o Plan Recupera para dotar de profesorado de reforzo ou o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que vai supoñer
“unha revolución na mellora dos centros e do que xa se empezan a ver os primeiros resultados” coas aperturas dos novos colexios de Lugo e Sanxenxo, entre outros.
Na súa visita, deu conta do transcurso da primeira xornada de clases en Infantil, Primaria e Educación Especial para un total de 187.624 alumnos de toda Galicia. Tal e como sinalou, a incorporación aos colexios produciuse sen incidencias e respectando as medidas do protocolo, que non varían nestas etapas, nas que se manteñen os grupos burbulla.
Compromiso co rural
O conselleiro quixo destacar tamén a apertura dun novo centro de Infantil en Coirós, cuxa construción supuxo un investimento de case 800.000€, como a demostración do apoio da Xunta de Galicia ao ensino no rural. A este respecto, salientou “a decidida aposta” do seu departamento, “non só desde o ámbito educativo, senón no seu conxunto, ofrecendo os mesmos recursos que nos centros das vilas ou cidades”. “De feito –dixo– prestamos especial atención a este tipo de centros a través de programas como o das bibliotecas rurais que desenvolven un magnífico labor”.
Isto supón que, malia a dispersión demográfica, “Galicia é unha das comunidades cunha maior rede de centros de ensino, favorecendo que, por exemplo, a práctica totalidade dos alumnos de 3 a 11 anos teñan no seu concello unha escola infantil”. Así mesmo, sinalou que Galicia é a comunidade coa maior rede de transporte escolar, concentrando o 21,6% do gasto de toda España.
Instalacións para o século XXI
Tal e como explicou o conselleiro, a nova escola vén dar resposta ás necesidades de escolarización deste concello. Ata o momento, contaba con dúas escolas infantís que carecían de espazos comúns axeitados para o alumnado como patios cubertos ou salas de usos múltiples. “Melloramos, polo tanto, as instalacións escolares de Coirós, cun novo centro que ofrece un maior benestar á comunidade educativa e que está adaptado ás necesidades da educación do século XXI”, sinalou Román Rodríguez.
A nova escola ten capacidade para 75 alumnos de 3 a 6 anos (neste momento conta cunha vintena de matriculados) e conta con tres aulas cos seus correspondentes aseos. Así mesmo, está dotada de sala de usos múltiples e psicomotricidade, patio exterior cuberto, sala de profesores, varios despachos e un local para a asociación de nais e pais. Conta, así mesmo, con mobiliario adaptado ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.
Esta é unha das 41 obras que a Xunta de Galicia remata este ano na Comunidade, cun orzamento total de máis de 17,3M€, e que se suman ás 557 actuacións nas que se traballou ao longo deste verán, por importe de case 30M€. A maiores, a Xunta está a licitar un paquete adicional de 84 obras de mellora en centros escolares, a executar en 2022, o que suporá un investimento de preto de 40M€.