Saturday 23 de November de 2024

O día 14 remata o prazo de inscrición para os dous seguintes cursos ofrecidos pola Oficina Agraria Comarcal en San Sadurniño


O Concello de San Sadurniño e máis a Oficina Agraria Comarcal de Ferrol colaboran este ano organizando catro cursos dirixidos preferentemente a persoas vinculadas ao sector primario ou mocidade que queira emprender na actividade agrogandeira. Nestes días está desenvolvéndose o primeiro deles, centrado na gandaría de ovino e cabrún, mentres que os outros tres están programados para o mes de outubro. Os temas que se tratarán daquela son a avicultura artesanal, a agricultura ecolóxica e a micoloxía. En cada unha destas accións formativas ofértanse 20 prazas gratuítas. As preinscricións deben facerse cubrindo esta folla, que despois se poderá rexistrar no Concello ou ben directamente na oficina dependente de Medio Rural. Para os cursos de avicultura e agricultura ecolóxica o prazo remata o martes que vén, 14 de setembro. Velaí os contidos, datas e horarios:

Introdución á avicultura artesanal (7 a 10 de outubro, de 10.00 a 13.00h e de 16.00 a 18.00h). A produción avícola de calidade en extensivo é unha actividade con grande futuro, baseada en razas como a Galiña de Mos e nun sistema de crianza tradicional. A carne e máis os ovos obtidos desta maneira teñen unha alta demanda no mercado e con prezos superiores, pero para obter unha rendibilidade que compense a súa produción inferior é necesario facer unha plafinicación milimétrica optimizando unha alimentación de calidade, deseñando instalacións axeitadas e correctamente dimensionadas e mantendo o equilibrio entre o benestar animal e o seu potencial produtivo e reprodutivo. Destas e doutras cuestións falará Xosé María García, propietario dunha granxa artesanal en San Sadurniño. Este curso tamén inclúe unha visita a unha explotación avícola con envasadora de ovos situada en Castro de Ribeiras de Lea. Inscricións até o 14 de setembro.

Iniciación á agricultura ecolóxica (13 a 15 de outubro, de 15.30 a 20.30h). O curso de iniciación á agricultura ecolóxica dará unha visión xeral sobre a actividade en comparación coa agricultura convencional no relativo a técnicas de cultivo, producións por hectárea e calidades obtidas. Tamén se verán procedementos de fertilización e control de pragas e enfermidades. O curso finalizará coa visita a unha horta profesional certificada en ecolóxico. A Oficina Agraria Comarcal encomendoulle o desenvolvemento deste curso ao experto Yann Pouliquen. Haberá que inscribirse o día 14 de setembro como moi tarde.

Iniciación á micoloxía (22 e 23 de outubro, de 9.00 a 14.00 e de 15.30 a 20.30h). No caso da micoloxía o obxectivo é iniciar ás persoas participantes nos coñecementos básicos sobre a identificación e recolección de cogomelos de outono, e sobre aqueles que son susceptibles de ser cultivados en condicións controladas. Durante este curso farase unha saída ao monte e tamén se desenvolverá un obradoiro de cultivo de pleurotus ostreatus -shiitake ou seta ostra-, unha das máis doadas de producir e tamén unha das que teñen mellor saída no mercado. Ao remate tamén haberá unha demostración e degustación de pratos preparados con setas. O curso impartirao unha das persoas implicadas na asociación agroecolóxica A Estruga. O último día para apuntarse é o 8 de outubro.

No acceso a estes cursos terán prioridade aquelas persoas titulares de explotacións ou con vinculación co sector primario, ademais da mocidade que queira incorporarse á actividade agrogandeira. As accións formativas están organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria a través da Oficina Agraria Comarcal de Ferrol en colaboración co Concello de San Sadurniño e están financiadas nun 75% con Fondos FEADER.

Para facer a preinscrición hai que cubrir o correspondente formulario de solicitude -o modelo en distintos formatos pode descargarse algo máis abaixo- e despois rexistralo no Concello ou ben na Oficina Agraria Comarcal, situada no edificio da Xunta en Ferrol (Praza Camilo José Cela S/N, ao carón da Praza de España)