· Nos casos de ambos portos esta actividade víñase desempeñando con total normalidade.
· O goberno local presentará unha moción no vindeiro Pleno da corporación.
O Concello presentará alegacións ante Portos de Galicia pola resolución que impide a pesca recreativa nos portos de Camariñas e Camelle, espazos nos que se viña desenvolvendo esta actividade con total normalidade. O goberno local presentará unha moción con este punto no vindeiro Pleno, que se celebrará o 25 de setembro.
Segundo a resolución do DOG do 26 de xullo pola que se aproba o levantamento da prohibición da práctica da pesca marítima de recreo en superficie en zonas de servizo portuarias, establécese a limitación de espazos autorizados e non autorizados en todos os portos de Galicia, tamén no termo municipal de Camariñas.
Nesta relación, aparecen clasificados como portos nos que a pesca recreativa está permitida unicamente nalgúns tramos de Camelle e Camariñas, supoñendo unha afectación á actividade usual de moitas e moitos veciños.
O executivo local reclama que “se modifiquen as zonas nas que está permitida a práctica da pesca en ambos portos, xa que nestes tramos en concreto, as actividades portuarias non son intensivas”.
Os edís do grupo de goberno están en constante contacto coa veciñanza que vén practicando esta actividade desde hai tempo, e que supón unha tradición para o pobo, sendo outro dos atractivos turísticos do municipio. Os planos nos que se marcan as zonas nas que podería permitirse a pesca por non “interceder nas actividades portuarias” serán enviados a Portos de Galicia.