Trátase dun programa gratuíto e aquelas veciñas que desexen participar deberán anotarse nos Servizos Sociais de Lousame
O Concello de Lousame abre o prazo de preinscrición do Programa Aurora, dirixido a todas as mulleres desempregadas do municipio que desexen mellorar a súa empregabilidade, incorporarse ao mercado laboral ou desenvolver unha idea de negocio. Este programa, totalmente gratuíto, realízase en coordinación co Instituto da Muller e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo.
O Programa Aurora pretende mellorar a participación social e laboral das mulleres no ámbito rural, dignificando as metas e os obxectivos vitais e profesionais das mulleres de Lousame, así como facilitarlles unha incorporación á actividade económica. Durante oito meses, as persoas interesadas poderán participar en sesións grupais e individuais a través das cales traballaranse aspectos tales como as necesidades e as demandas das mulleres, os seus coñecementos e as súas expectativas, entre outros.
Fases do programa
O Programa Aurora desenvolverase en dúas fases. A primeira fase do programa está dirixida a desenvolver a motivación, as habilidades persoais das alumnas e as competencias que definen o seu perfil profesional. A segunda fase está centrada en ofrecer unha formación específica para o emprego, acorde a posibles nichos de mercado e ás características das veciñas de Lousame.
As veciñas de Lousame que participen deste programa terán acceso a cursos de formación ocupacional, obtendo o certificado profesional correspondente. Tanto os horarios como a temática da formación ocupacional, estarán axustados ás necesidades e intereses dos perfís das veciñas participantes. Para máis información e/ou presentación da solicitude, poden dirixirse á Concellería de Igualdade do Concello de Lousame ou por teléfono no 981 820 494.