A concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), e a súa homóloga da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), explicaron nesta xornada tódolos servizos e axudas que ofrece o Concello da Pobra do Caramiñal de cara o inicio do curso escolar.
A edil Amparo Cerecedo indicou que se continúan coas axudas de escolarización, as cales van en dúas vertentes: unha cota fixa para material escolar de 55 euros; e unha subvención para sufraga-lo gasto do comedor escolar que pode ser do 100% para aquelas familias que participan e solicitan dentro de programas dos Servizos Sociais ou do 50% para o resto de familias demandantes. Segundo apuntou, neste 2021, incrementáronse as solicitudes, chegando ás 19, das que unicamente foron denegadas 3: unha por cuestión de documentación e as outras dúas porque superaban o baremo económico. Neste senso, declarou que a partida orzamentaria para tal fin se incrementará en 4.000 euros, aproximadamente. Destacou así tódolos servizos que pon o Concello “a disposición da veciñanza para facilitar todo o acceso á educación en igualdade de condicións.”
Doutra banda, a concelleira Charo Varela detallou o Servizo de Madruga, para o cal se contratan entre 5 e 6 monitoras, dependendo do número de nenos e nenas que necesiten desta prestación, e que posibilita entrar dúas horas antes do inicio do horario escolar. Desenvólvese nos centros educativos do CEP Pilar Maestú Sierra, CEP Salustiano Rey Eiras e EEI Fernández Varela. Así, tal e como precisou, a Administración local destina a este eido entre 70.000 e 80.000 euros ao ano. Así mesmo, o Concello colabora coas ANPA no servizo de comedor escolar: as asociacións ofrecen o menú e a Administración local pon a disposición monitoras para o coidado das crianzas, entre as 14.00 e as 16.00 horas. Deste xeito, manifestou que se trata dunha “aposta importante e cremos que é a nosa obriga e responsabilidade”, pois “a conciliación forma parte dos proxectos de igualdade.”