Friday 22 de November de 2024

Clausura dos obradoiros de conciliación na Pobra


Na xornada deste 8 de setembro chegaron ao seu fin os obradoiros de conciliación Móvete postos en marcha pola Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), e que transcorreron durante a época estival ata a véspera do inicio do curso escolar. Dirixido a crianzas con idades comprendidas entre os 3 de 12 anos durante as vacacións de verán, o campamento desenvolveuse no CEP Salustiano Rey Eiras, sumando o EEI Fernández Varela durante os meses de xullo e agosto. Ademais, contouse con Servizo de Madruga e a prestación de comedor para lles dar maiores facilidades ás familias usuarias.

Os obradoiros moveron nesta edición a un total de 165 cativos e cativas e, en canto ao persoal, contouse con 15 monitoras contratadas e aproximadamente 20 alumnos e alumnas en prácticas do curso de monitorado de ocio e tempo libre. O programa incluíu a práctica de actividades lúdicas, culturais, deportivas e de xogo libre adaptadas a cada rango de idade e seguindo o protocolo establecido por mor da COVID-19, así como distribuíndo os grupos aplicando a normativa vixente.