A Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), xunto coa produtora Silencio Roto, atópase reprogramando algunhas das sesións musicais enmarcadas no Sons da Vila que non se puideran levar a cabo a principios de agosto pola situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 que atravesaba o municipio por aquelas datas e dando cumprimento ao bando da alcaldía sobre medidas extraordinarias neste senso.
Así, o ciclo continúa no 12 de setembro, ás 21.00 horas, con Alba & Loren, na rúa Unión/Cantón da Leña.
Cómpre lembrar que no día 10 será a quenda de Adolfo FH, ás 21.00 horas, na praza Paulino Santos, tal e como xa se indicara cando se anunciou que se retomaba o ciclo, o cal está pensado para as terrazas dos locais hostaleiros ao tempo que se contribúe á visibilización de grupos locais e á dinamización da vila.