Saturday 16 de November de 2024

O Concello retoma o programa Lecer Outono 2021 no Fórum e no Ágora con todas as medidas antiCovid


As preinscricións para as actividades ábrense do 8 ao 11 de setembro a través dun formulario que estará dispoñible desde mañá na web municipal de Cultura: https://bit.ly/3nhzxjA

O Concello retoma o programa de Lecer Outono 2021 no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora, cuxas preinscricións abriranse do 8 ao 11 de setembro. Esta convocatoria concrétase en 43 obradoiros no Fórum Metropolitano con 985 prazas dispoñibles e 51 obradoiros no Centro Ágora con 1.030 vacantes. As actividades comezarán o 1 de outubro e rematarán o 23 de decembro.

A preinscrición será de xeito telemático, a través dun formulario que estará dispoñible a partir de mañá na web de Cultura: https://bit.ly/3nhzxjA. Todas aquelas persoas que non dispoñan de acceso a internet, terán ao seu dispor o apoio telefónico a través do número 623 162 876 en horario de 9.00 a 14.00 h e de 16.00 a 20.00 h.

O obxectivo do Goberno local que dirixe Inés Rey a través desta nova convocatoria do Programa de Lecer Outono 2021 é ofrecer a máxima calidade, coma ao longo dos 20 anos que leva implantada esta iniciativa, co fin de dar resposta á necesidade de gozar do tempo libre con actividades de carácter cultural que fomenten a participación activa e o contacto con outras persoas afíns en gustos culturais.

Para esta edición tamén se reduciron as capacidades das aulas, obradoiros e cines de acordo coa lexislación vixente; de xeito que o número de persoas participantes en cada obradoiro descendeu entre un 50% e un 25%. Ademais, os obradoiros que se realicen no mesmo espazo comezarán como mínimo media hora despois do remate do anterior para poder desinfectar e ventilar o espazo.

Debido á pandemia da Covid-19, tomouse a decisión de aprazar o programa Lecer nos dous recintos municipais até que as condicións sanitarias mellorasen. Chegado este momento, aseguran desde o IMCE, estamos en condicións de retomar esta iniciativa garantindo a máxima seguridade sanitaria para todas as persoas participantes.