Friday 22 de November de 2024

Deportes ratifica o éxito das actividades de verán que contaron con máis de 5.000 participantes


A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, analizou esta mañá o éxito de convocatoria da primeira edición do programa municipal  “Coruña no mar” cunha oferta de 738 prazas que foi cuberta na súa totalidade

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, salientou na Comisión informativa de Deportes o éxito de convocatoria e organización dos distintos programas postos en marcha esta tempada estival para o
fomento da actividade física e recreativa. Segundo o informe realizado pola Concellería de Deportes, os programas de “Coruña en Forma”, “Coruña no Mar” e os “Campamentos de verán” contaron con máis de 5.000 participantes.

A posta en marcha do novidoso programa “Coruña no mar” foi un éxito de convocatoria xa que a oferta de prazas dos cursos e das actividades desta iniciativa foi cuberta na súa totalidade: 738 prazas; 536 prazas semanais e 202 de fin de semana para as que se reicibiron 3.019 solicitudes. O programa buscaba achegar os deportes náuticos á cidadanía cunha oferta variada e coa posibilidade dunha continuidade nas propias escolas das entidades colaboradoras.

A aposta pola actividade física e recreativa estival completouse un ano máis cunha nova edición do “Coruña en forma” na que a participación foi sempre moi alta, cunha media de 425 participantes cada semana. Un programa que levará até finais deste mes de setembro 8 disciplinas deportivas a 6 espazos diferentes da cidade. Por último, no caso dos campamentos de verán convocados pola Concellería de
Deportes participaron un total de 720 nenas e nenos nas distintas quendas convocadas dende o 28 de xuño até o 3 de setembro.

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, lembrou que o Goberno de Inés Rey ten por obxectivo “promocionar a adquisición de hábitos de vida saudables, o abandono do sedentarismo e a ocupación saudable do tempo de lecer nos diferentes barrios da cidade”. Trátase, explicou Martínez, de intentar mellorar a calidade de vida da veciñanza a través do deporte.