O edil de Educación, Jesús Celemín, sinalou a necesidade de reivindicar a figura da actriz coruñesa durante a presentación da 25ª edición dos Premios de teatro que levan o seu nome
O concelleiro de Educación, Jesús Celemín, avanzou esta mañá a intención do Concello de celebrar en 2022 o centenario do nacemento da actriz co Ano Internacional María Casares; unha merecida homenaxe que nos achegará a esta coruñesa ilustre cunha coidadísima selección de actividades culturais nunha programación “que terá como obxectivo mergullarnos no seu universo e estreitará os nosos lazos co país que a acolleu”, explicou o edil.
Celemín sinalou que pesar de ser unha lenda do cinema e da escena teatral francesa, María Casares aínda segue sendo unha gran descoñecida para o público galego e español: “Para resarcir este esquecemento e saldar esta débeda histórica coa figura de María Casares, darémoslle visibilidade a unha muller imprescindible do teatro”, remarcou.
O edil participou esta mañá en María Pita na presentación da gala dos XXV Premios de Teatro María Casares que terá lugar mañá, ás 21.00 horas, no Teatro Rosalía de Castro. No acto estiveron presente Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; Xosé Barato, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), e Paula Carballeira, codirectora da gala.
O edil felicitou á Asociación de Actores e Actrices de Galicia por ser quen de sacar adiante un espectáculo a pesar das restricións sanitarias e destacou o traballo feito polas traballadoras e traballadores do sector cultural. Para o responsable municipal, os premios de Teatro María Casares evidencian que a cultura segue viva. “Entre todas e todos temos a obriga de apoiar ao sector cultural e especialmente ás artes escénicas que foron un sector moi apancado pola pandemia que levamos soportando durante case 20 meses”, dixo.
Este Goberno e a súa alcaldesa, Inés Rey, dixo, manteñen unha aposta decidida pola cultura, pola cultura segura. “A nosa obriga é estar á beira da cultura, do teatro e das persoas que fan posible que siga viva”, destacou.
O Goberno local, apuntou, destinou un millón de euros a paliar os efectos da COVID-19 no sector cultural. En concreto, o sector puido respirar, en parte, grazas ás máis de 300 actuacións enmarcadas no PRESCO cultural, os case medio centenar de concertos co programa Salas Abertas, dotado con 100.000 euros, os Bonos Cultura, que contaron cun investimento de máis de 300.000 euros, ou as bolsas de creación artística, dotadas con 180.000 euros.
Pola súa banda, Xosé Barato, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), destacou que esta edición é moi especial “porque facemos os 25 anos dos premios, estamos a piques de entrar na celebración do centenario do nacemento de María Casares, actriz que lle dá nome aos noso premios, e especial porque será a primeira vez que se celebre lonxe da data tradicional, que é o 27 de marzo por causa da pandemia”. Destacou que as restricións impiden que a gala dos premios sexa unha cita na que todas as persoas do teatro se reúnan e confía en que o ano que vén poida ter lugar esa xuntanza que é parte esencial dos premios.