Friday 22 de November de 2024

A Xunta inviste máis de 218.000 euros en obras de mellora en catro Escolas Infantís da cidade da Coruña


― Gonzalo Trenor visitou a escola infantíl de Elviña, na que a Xunta levou a cabo a mellora do chan na entrada, corredores, comedor, vestiarios e un aula nova

― A Consellería de Política Social executou obras de reforma en sete escolas infantís da provincia en Coruña, Ferrol e Santiago por un importe de máis de 343.000 euros

― O delegado da Xunta destacou a normalidade coa que se iniciou onte o novo curso 2021-2022, no que se adaptou o protocolo actual ao novo escenario que estamos a vivir

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo xerente da Axencia Galega de Servizos Sociais, Gustavo Quindimil, visitou a escola Infantil de Elviña para informar que a Xunta de Galicia levou a cabo un investimento de máis de 218.000 euros en obras de mellora en catro escolas infantís da cidade da Coruña. Concretamente executáronse actuacións de reforma nos centros de AS Mariñas, Elviña, Oza e Ventoriilo. Ademais, na cidade de Ferrol mellorouse a escola de Catabois e Chamorro, e na cidade de Santiago a de Vite.

Trenor destacou que “o obxectivo destes traballos é actualizar e modernizar as instalacións para que as familias e os seus pequenos desfruten dun maior benestar e de máis comodidades no novo curso e para prestar unha atención educativa de primeiro nivel”.

Durante a súa visita Gonzalo Trenor destacou a normalidade coa que se iniciou onte o curso 2021-22 nas escolas infantís. O número de matriculados de 0 a 3 anos que asistirán a un centro da rede pública autonómica é de 7830, isto é, un 3% máis que o curso pasado.

Trenor destacou que despois do curso pasado, no que a seguridade dos nenos garantiuse ao 100%, agora levouse a cabo a adaptación do protocolos á situación actual. Neste sentido, subliñou que as familias poden estar tranquilas porque os pequenos quedarán ao coidado dos mellores profesionais que velarán por volver a garantir a súa seguridade.

A partir de agora as nenas e nenos poderán utilizar dentro da escola o calzado que xa traen posto da casa; os centros poderán establecer no seu plan de continxencia, e segundo as súas características, o acceso restrinxido dos pais á aula nos períodos de adaptación e mantendo as medidas de prevención axeitadas; poderán deixar os carriños; e en exteriores, de ser necesario, permitirase que coincidan varias unidades estables de convivencia.

Os profesionais non terán que realizar a enquisa de autoavaliación, non será necesario que se fagan entradas e saídas graduadas do persoal, permitiranse as actividades grupais na escola e as asociacións de nais e pais de alumnos poderán realizar reunións no centro, sempre que se produzan fóra do horario de atención educativa.

Por outra banda, manteranse algunhas das medidas do protocolo inicial: será necesaria a ventilación, a limpeza e a desinfección de mans e dos espazos, será obrigatorio o uso de máscaras para o persoal, deberá efectuarse un control adecuado de acceso ao centro de provedores e terceiros, manterase a distancia de seguridade entre traballadores e evitarase coincidir en espazos reducidos.
A provincia da Coruña, de igual xeito que o ano pasado, é a que máis nenas e nenos de 0 a 3 anos matriculados ten nas escolas infantís públicas autonómicas. Son 3.128 os pequenos xa anotados nalgún centro da Xunta.

O delegado da Xunta lembrou ademais que este será o terceiro curso consecutivo no que as nenas e nenos que sexan segundos fillos ou seguintes acudirán gratis ás escolas infantís, sexa cal sexa a súa titularidade.