As próximas citas terán lugar ás 17:30 horas dos sábados 11 e 18 de setembro, así como os domingos 19 e 26
Gran éxito de participación esta fin de semana na primeira das catro visitas teatralizadas ao Pico Sacro da man dos Quinquilláns e que o Concello de Boqueixón ten programadas para este mes de setembro, dentro do programa “Un mes e Pico”. A primeira xeira de “A Raíña Lupa e o encanto do Pico Sacro” tivo lugar na tarde deste pasado sábado e conseguiu completar o aforo dispoñible.
Un grupo de persoas que cumpriu con todas as esixencias do protocolo de seguridade anti-covid, levando posta a máscara durante toda a actuación e mantendo a distancia de seguridade. Durante a sesión, celebrada no propio cumio do Pico Sacro, as persoas asistentes foron recibidas por Seixo, un mouro que os presentou diante da Raíña Lupa, quen lles contou a lenda do Pico e as probas que tiveron que pasar os discípulos do Apóstolo Santiago para chegaren a Compostela.
As próximas sesións terán lugar nas tardes dos sábados 11 e 18 de setembro, así como os domingos 19 e 26 de setembro, ás 17:30 horas. A participación é totalmente de balde, se ben a situación sanitaria actual fai que o número de prazas estea limitado a vinte e sexa imprescindible inscribirse previamente no mail boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao teléfono 981 513 061.Unhas visitas incluídas na programación do ciclo “Un mes e Pico”, organizado polo Concello de Boqueixón en colaboración co Xacobeo 21-22 e a Xunta de Galicia.