Friday 22 de November de 2024

Inés Rey: “As primeiras axudas que se cobraron na Coruña foron as do Concello e evitaron moitos peches e perda de empregos”


O concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Lage, sinalou que a día de hoxe hai xa presentadas 1.018 solicitudes de axudas directas do novo PRESCO, fundamentalmente para o pago de cotas da seguridade social ou persoas autónomas e que suman un importe de 2.543.000 euros.

Asociacións de Hostaleiros do norte de España desprazaranse á Coruña para coñecer o novo plan e promover medidas semellantes nas súas comunidades, explicou Héctor Cañete, presidente da Asociación Provincial de Hostalaría.

Co fin de reactivar o consumo local e mitigar as consecuencias da COVID 19, a alcaldesa, Inés Rey, firmou hoxe un protocolo de colaboración con todos os sectores que se beneficiarán dos Bonos PRESCO, e que a partir de hoxe xa poden darse de alta para participar no programa a través da web presco.gal. Os cidadáns poderán comezar a trocar os bonos de desconto desde o vindeiro día 15. “Sabemos do importante labor que desempeñan estes sectores na cidade e das dificultades ás que se tiveron que enfrontar como consecuencia da pandemia e, por iso, quixemos estar novamente con eles con esta campaña de incentivos ao comercio”, explicou Inés Rey.

A alcaldesa destacou que o PRESCO é un plan pioneiro e único pola súa contía tanto en Galicia como en España, e lembrou o enorme esforzo económico que está a facer o Concello da Coruña para sacar adiante este segundo PRESCO. O Concello leva investido desde o ano pasado máis de 20 millóns de euros nos dous plans de recuperación, recordou. O Concello, aclarou, asume de novo co novo plan competencias impropias que deberan asumir outras administracións que chegaron máis tarde: “As primeiras axudas que se cobran na Coruña foron as do Concello, e evitaron moitos peches e perda de empregos. As da Xunta de Galicia chegaron máis tarde, aínda que ten un orzamento infinitamente máis elevado”.

Nesa mesma liña, destacando a importancia dos plans municipais de reactivación, manifestouse tamén o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría, Héctor Cañete, quen agradeceulle ao Concello a posta en marcha dun segundo PRESCO e destacou que o primeiro plan foi “pioneiro”, que funcionou moi ben en hostalaría e que serviu para “salvar moitos empregos e empresas”. Cañete destacou “a valentía do Goberno local ao dar axudas directas aos sectores máis castigados pola crise sanitaria”.

Na presentación do protocolo, ademais de Héctor Cañete, estiveron presentes José Luis Boado (FUCC), Manuel Sánchez Quindimil (Autotaxi) Antonio Vázquez (Radio Taxi), Asunción Catoira (Asociación de Comerciantes de Imaxe Persoal da Coruña) e a concelleira de Benestar Social Yoya Neira, tamén vicepresidenta da Fundación EMALCSA.

Inés Rey quixo destacar o consenso acadado co resto das forzas políticas tanto no primeiro PRESCO como como neste segundo. ”Quero agradecerlles as súas achegas e o seu traballo que serviu para enriquecer un plan para as coruñesas e coruñeses, e que todas as persoas representantes da Corporación apoiaron de maneira unánime”, dixo.

Este apoio, explicou, debe servir de exemplo para outras administracións e para a política en xeral para poder sacar adiante os proxectos que importan a cidadanía. Este ano, indicou, destinaranse preto de 1 millón de euros ao programa de incentivos ao consumo que, como novidade e tras o éxito do ano pasado, contará con 5 bonos diferenciados (comercio, hostalería, salóns de peiteado e estética, taxi e cultura) que
permitirán a cada cidadán dispor de 135 euros para consumir no pequeno comercio adherido ao plan.

A alcaldesa lembrou que o ano pasado esta iniciativa permitiu mobilizar vendas na cidade por valor de 3,6 millóns de euros e agarda que este ano serva tamén como revulsivo á compra no comercio local e nas salas de estética e peiteado, á utilización do taxi e ao consumo na hostalería.

A rexedora agradeceulle a súa colaboración e implicación á Federación de Comerciantes, a Asociación Provincial de Hostalería, aos representantes de Auto Taxi e Radio Taxi e á Asociación de Estilistas Coruñeses “pola súa vontade de contribuír a difusión desta iniciativa entre todos os comerciantes, salóns de peiteado e estética, hostaleiros e taxistas da cidade” e tamén por participar na comisión que avaliará o funcionamento dos bonos durante a duración da campaña que se estenderá ata o 30 de novembro.

Inés Rey sinalou que o Concello tivo en conta as suxestións de mellora dos comerciantes e, por este motivo, os bonos xestionaranse a través dunha entidade financeira colaboradora co obxectivo de axilizar os pagos aos establecementos adheridos que recibirán semanalmente o importe dos bonos trocados.

Pola súa banda, o concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Lage, sinalou que a día de hoxe hai xa presentadas 1.018 solicitudes fundamentalmente para o pago de cotas da seguridade social ou persoas autónomas e que suman un importe de 2.543.000 euros.

Lembrou que dende o Concello distribuiranse máis de 4 millóns en axudas directas para autónomos e microempresas e preto 1 millón de euros a través dos Bonos PRESCO. Con estas medidas, sinalou, “cumprimos co compromiso da nosa alcaldesa, Inés Rey, de implicarnos coa recuperación económica da cidade” poñendo de manifesto “que fomos máis lonxe que ningún outro concello en Galicia e practicamente en España no cumprimento dese obxectivo, xa que entre os dous PRESCO teremos destinado 20 millóns de euros a este fin”.

Tamén apuntou que está vixente a convocatoria de axudas para a creación artística para artistas empadroadas/os na cidade para as modalidades de artes plásticas e escénicas, literatura, audiovisual, fotografía e música. Estas bolsas, que se poden solicitar ata o 15 de setembro (ao igual que as axudas directas para pagos de alugueiros e cotas de autónomos e seguridade social), teñen un importe máximo de 3.000 euros e inclúen un soporte básico á creación de 600 euros.

Reunión na Coruña dos hostaleiros do norte de España
Por outra banda, Héctor Cañete avanzou durante a súa intervención que o vindeiro luns, día 13 celebrarase unha reunión de asociacións de hostalería na Coruña, reunión á que asistirán, explicou, entidades representativas do sector de ámbito nacional, e tamén autonómico (Asturias, Cantabria e País Vasco) e que acoden á cidade co obxectivo de coñecer o PRESCO co interese de poñe en marcha plans
semellantes no seu territorio.

As liñas de incentivos ao consumo no comercio local:
Bono Estética. Desconto do 30% desde 20 euros de gasto (cun máximo de 20 euros por persoa)
Bono Taxi. 30% de desconto na carreira a partir de 6 euros de gasto e ata 10 euros por persoa.
Bono Cultura. 30% de desconto por compras superiores a 10 euros ata un máximo de 60 euros por persoa.
Bono Hostalaría. 40% de desconto desde 10 euros de compra ata un máximo de 15 euros por persoa.
Bono 10 (Comercio). 10 euros por cada 30 euros de compra, ata un máximo de 30 euros por persoa.

Os cidadáns poderá trocar os bonos entre o 15 de setembro e o 30 de novembro. Os comerciantes poderán darse de alta no plan desde hoxe mesmo.