Friday 22 de November de 2024

Xornada de turismo mariñeiro accesible con persoas usuarias da Asociación Ambar


Persoas usuarias da Asociación Ambar participaron neste 6 de setembro nunha xornada de turismo mariñeiro que se desenvolveu na praia dos Areos e na que puideron coñecer o labor das mariscadoras, así como os bivalvos que medran nos areais do concello. Previamente, asistiron no Auditorio do Museo Valle-Inclán á proxección dun vídeo onde se amosa toda a cadea pola que pasan os recursos marisqueiros: dende o proceso extractivo ata que chegan aos pratos en forma de elaboradas receitas.

Unha iniciativa posta en marcha por parte da Concellaría do Turismo da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), e da Asociación Mar da Pobra.

A concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra), acompañou ás persoas participantes e puxo en valor este tipo de accións inclusivas, para a cal o Concello facilitou as cinco cadeiras anfibias -sendo preciso unicamente a utilización de tres para esta ocasión- que adquiriu no 2019 ao abeiro do proxecto Da praia ao prato presentado a unha subvención do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da que a Administración local resultou beneficiaria.

Na xornada tamén participou a presidenta da Asociación Ambar, Milagros Rey, quen agradeceu ao Concello este tipo de propostas, así como os medios para que se poidan levar a cabo.

Por último, Rosa Millán, presidenta da Asociación Mar da Pobra, destacou a boa acollida que tivo esta actividade ao longo de todo o verán e a importancia de face-la inclusiva.

Para o transcurso da xornada tamén se contou coa colaboración de voluntarios da Protección Civil.