A carballeira de Santa Minia acolleu este venres o acto de clausura dos campamentos municipais de conciliación de verán do Concello de Brión, no que participaron uns 150 nenos e nenas entre os 3 e os 14 anos de idade. Uns campamentos que se continuarán a impartir durante esta semana, concretamente ata o inicio do curso escolar este xoves.
Porén, para facilitar que a rapazada puidera acudir canda as súas familias á festa de clausura do curso, o Concello de Brión optou por programala o pasado venres. Ese día, baixo a mirada do alcalde Pablo Lago Sanmartín, os nenos e nenas recibiron o seu diploma de participación canda o seu nomeamento como cabaleiros e cabaleiras de Santa Minia, seguindo a temática medieval que caracterizou o curso. De feito, varios grupos fixeron cadansúa actuación de baile con música medieval.
Uns campamentos nos que, ademais dos tradicionais xogos e obradoiros en grupos reducidos, tamén realizaron viaxes ao castelo de Vimianzo, á praia e a distintos puntos de interese do concello brionés. Os obradoiros seguiron en todo momento os protocolos de seguridade indicados polas autoridades sanitarias.