— A iniciativa busca facilitar a reinserción laboral dos menores que están a cumprir algunha medida no centro Concepción Arenal e no Ciema da Coruña
— Desenvolveranse actividades para a adquisición de habilidades para unha vida autónoma e saudable e para mellorar o nivel formativo e a súa capacitación profesional
A Xunta de Galicia asina un convenio coa Fundación Labaca para a posta en marcha programa que procura a inclusión social e laboral de menores que están a cumprir medidas xudiciais no centro Concepción Arenal e no Centro de Intervención Educativa en Medio Aberta (Ciema) da Coruña.
Esta iniciativa busca facilitar a reinserción laboral dos menores a través de diferentes accións a ao abeiro da Escola de Segunda Oportunidade que ten a fundación. Así, poñeranse en marcha actividades para a adquisición de habilidades para unha vida autónoma e saudable. Tamén se realizarán accións para que poidan mellorar o nivel formativo e a capacitación profesional.
Outros dos obxectivos deste programa é incentivar e fomentar unha educación cidadá e comunitaria. Polo tanto, trátase dun programa de atención integral que se estenderá máis alá do tempo do cumprimento da medida de internamento. Cada un dos mozos terá un proxecto individual de acordo co seu perfil, necesidades e intereses.
A Fundación Labaca é unha institución benéfico social con máis de cen anos de historia e que traballa en favorecer a igualdade de oportunidades e a mellora de condicións da vida das persoas que se atopan nunha situación de vulnerabilidade.