Friday 22 de November de 2024

A Xunta sinala o cooperativismo e a economía social como axentes dinamizadores dos concellos do rural


O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá do encontro ‘Aldeas Singulares’, en Ponteceso, organizado pola Fundación Eduardo Pondal. Alí sinalou ao cooperativismo e a economía social como axentes dinamizadores dos concellos do rural.

O director xeral sinalou que no ano 2020 houbo un cambio de tendencia nas dinámicas demográficas aldea-cidade respecto aos anos anteriores que se traduciu nun fluxo migratorio importante dos contornos urbanos ao rural. En concreto, apuntou que por vez primeira desde que hai datos estatísticos, o 100% das comarcas galegas tivo saldo migratorio positivo.

Neste sentido, animou a seguir impulsando iniciativas coma esta da Fundación Eduardo Pondal por “reivindicar as fortalezas do rural”. Jacobo Rey destacou que a Xunta de Galicia seguirá traballando para que as aldeas dispoñan das mesmas oportunidades que calquera outro territorio para atraer poboación.

Apoio ao cooperativismo
A Xunta ten en marcha programas para o apoio do cooperativismo con actuacións dirixidas a promover a creación e consolidación de empresas e emprego deste modelo económico. Ata o próximo 30 de setembro, poden solicitarse, por exemplo os bonos Consolida e Transforma Economía Social, dúas novas liñas de apoio ás que a Xunta destina 5,3 millóns de euros para a mellora da competitividade, por unha banda, e para impulsar a recuperación de negocios en crise ou sen remuda xeracional mediante fórmulas de economía social, por outra.