A nivel estatal, a nosa comunidade rexistrou a cuarta taxa máis elevada de incremento interanual de viaxeiros
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, no pasado mes de xaneiro Galicia rexistrou un crecemento no volume de viaxeiros aloxados nos seus establecementos hoteleiros galegos do 11,9% ata situarse nos 136.110 viaxeiros. Deste xeito, por vez primeira dende o ano 2008 a cifra de viaxeiros aloxados no mes de xaneiro creceu en termos interanuais.
Subiron tamén as pernoitas rexistradas no primeiro mes do ano na nosa comunidade nun 1,9% ata acadar preto de 250 mil neste período.
A nivel estatal rexistrouse tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira, con melloras tanto da cifra de viaxeiros aloxados coma das pernoitas –incrementáronse nun 7,6% e nun 4,1% respectivamente-. Compre destacar que, en termos de viaxeiros, a nosa comunidade rexistrou no pasado mes a cuarta taxa máis elevada de incremento interanual, só superada por Castela A Mancha, Asturias e Madrid.
O turismo receptor presentou no pasado mes de xaneiro un comportamento positivo na nosa comunidade. Así, o turismo receptor nacional incrementou a cifra de viaxeiros nun 8,4% e as súas pernoitas nun 9,2% e o turismo receptor internacional un 22,5% os seus viaxeiros e un 13,6% as súas pernoitas. Deste xeito, confírmanse neste primeiro mes do ano dúas tendencias: a recuperación do turismo nacional procedente de fóra de Galicia e a continuidade do crecemento do turismo internacional.
A ocupación hoteleira tamén mellorou no pasado mes de xaneiro en 0,3 puntos porcentuais. Neste ámbito o incremento deste ano engádese ao rexistrado nos dous anteriores – a ocupación subira en 0,5 puntos en 2013 e en 0,3 puntos en xaneiro de 2014-.
Así mesmo, as tarifas hoteleiras en Galicia subiron tamén no primeiro mes do ano, nun 1,6%, situándose en 46,2 euros de media. A mellora dos niveis de demanda e ocupación neste mes de xaneiro, acontecida nun contexto de subida dos prezos hoteleiros, permitiu aos establecementos hoteleiros da nosa comunidade incrementar os seus niveis de rendibilidade en relación ao mesmo período do 2014 –o RevPar subiu un 8,4%-.
Un 52,65% máis de peregrinos
Dende o 1 de xaneiro ata o 23 de febreiro chegaron a Santiago un total de 2.447 peregrinos. Deles, o 57,34% foron estranxeiros e o 42,66% restantes eran españois.
Neste período recolleron a Compostela na Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago 844 peregrinos máis que no mesmo período do 2013, o que supón un incremento do 52,65%.
Por nacionalidades destacan os peregrinos procedentes dos seguintes países: España -780-, Corea -213-, Italia -94-, Portugal -71-, Alemaña -55-, Estados Unidos -44-, Francia -37-, Xapón -30-, Australia -29-, Brasil -27-, México -22-, Reino Unido -22-, e China -19-.