• Este cambio de goberno prodúcese tras unha moción de censura presentada polo Partido Popular e o edil non adscrito Alfredo Cañizo.
Esta mañá tivo lugar un pleno extraordinario da corporación municipal de Malpica no Centro Cívico no que se investiu como novo alcalde do Concello a Eduardo Parga.
Este cambio de goberno prodúcese tras unha moción de censura presentada no mes de agosto polo Partido Popular, con seis edís, e o concelleiro non adscrito Alfredo Cañizo.
A corporación quedará composta do seguinte xeito: Eduardo Parga como alcalde; Miguel Ángel Fernández; Fernando Rodríguez; María Soledad Blanco; Noelia Freijeiro; María del Pilar Doldán; e Alfredo Cañizo como edís do goberno. A oposición estará conformada por Walter Pardo, Sergio García, Ángel Garrido, María Manuela Álvarez, por parte do PSOE; e Leticia Varela e Miguel Varela por parte do BNG.
O novo rexedor malpicán, Eduardo Parga, logo da celebración do pleno, indicou que traballará “para darlle dinamismo ao municipio, poñernos a xestionar a partir de xa e darlle saída a todo o que quedou feito polo anterior goberno, así como preparar os novos proxectos que presentaremos nas vindeiras semanas”.
Pola súa banda, Walter Pardo afirmou “levar Malpica e a súa veciñanza dentro do meu corazón” e amosouse “satisfeito por todo o traballo realizado nos dous anos de lexislatura ó fronte deste goberno”.
Miguel Varela, voceiro do BNG, sinalou que “toda a base da acción política parte do diálogo e así continuaremos a exemplarizalo dende a bancada da oposición”.