Monday 25 de November de 2024

A Xunta adxudicará antes de final de ano as obras para transformar a planta de transferencia de residuos de Ponteceso, nas que investirá case 1,3M€


— O financiamento das actuacións de mellora proxectadas nas actuais instalacións correrá a cargo dos Fondos Feder mobilizados pola UE en resposta á crise da covid

— A capacidade da futura planta será de 12.500 toneladas ao ano e inicialmente, dará servizo aos concellos de Cabana de Bergantiños, Malpica, Laxe e Ponteceso

— A conselleira subliña que a súa posta en funcionamento está prevista para outono do próximo ano, cando pasará a integrarse na rede de infraestruturas impulsada polo Goberno galego co fin de garantir a valorización dos residuos orgánicos domésticos

A Xunta de Galicia adxudicará antes de que remate o ano as obras que permitirán transformar a actual microplanta de Ponteceso nunha planta de transferencia con maior capacidade e eficiencia, unha actuación cun investimento previsto de 1.271.431,22 euros.

Así o avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen visitou esta mañá, acompañada polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, os terreos que albergarán as futuras instalacións, financiadas con cargo aos Fondos europeos de desenvolvemento rural (Feder) como resposta da UE á crise da Covid, primando aquelas actuacións que repercutan na protección do medio ambiente e nunha maior calidade de vida.

Cunha superficie de 5.235 m2, dos cales 1.000 m2 reservaranse para zonas verdes, a nave na que se desenvolverá o proceso de transvasamento dos residuos urbanos ocupará unha superficie de 650 m2.

Así mesmo, a planta —que ao igual que a actual estará situada nas inmediacións do parque empresarial de Tella— disporá dunha capacidade máxima de 12.500 toneladas/ano e estará preparada para transferir, ademais da bolsa negra (contedor verde xenérico), a amarela (contedor amarelo) e a materia orgánica recollida de forma separada a través do quinto contedor, o de cor marrón.

Segundo explicou a conselleira, a planta de transferencia dará servizo a catro concellos (Ponteceso, Cabana, Malpica e Laxe) que aglutinan a máis de 18.000 habitantes, se ben poderá acoller a fracción orgánica doutros tres concellos máis.

A nova instalación contará cun compactador fixo xa que os portátiles, ademais de ter menos capacidade, son máis propensos a avarías, menos fiables, teñen menor dispoñibilidade, e maiores custos de mantemento. Disporá tamén de sistema de translación de contedores, con capacidade para dous, propiciando que se desligue o seu funcionamento do estado do transporte, que pode sufrir atrasos por diversos motivos.

Todo isto verase complementado cun aparcadoiro de contedores e un edificio destinado a oficina, vestiario e almacén, que cubrirán as súas necesidades enerxéticas con paneis solares, fomentando deste xeito as enerxías renovables.

A previsión, tal e como indicou a conselleira, é que a planta entre en funcionamento en outubro de 2022 pasando a formar parte da rede de infraestruturas promovida pola Xunta co fin de garantir a valorización dos residuos orgánicos na Comunidade mediante a súa conversión en compost, un abono de alta calidade que poderá ser aplicado na agricultura e na xardinería como fertilizante natural, substituíndo aos artificiais.

Catro plantas de biorresiduos e 13 plantas de transferencia
Esta rede acollerá catro plantas de biorresiduos (unha delas xa en funcionamento, en Cerceda-, e outras tres proxectadas nos municipios de Cervo, Vilanova de Arousa e Verín), apoiadas por un total de 13 plantas de transferencia que se atopan en proceso de adaptación a fin de habilitar nas mesmas unha tolva específica para o transvasamento da materia orgánica a contedores de gran capacidade, facilitando o seu transporte, nas mellores condicións, á planta de compostaxe máis próxima.

É preciso lembrar que, conforme ás directrices en materia de residuos establecidas pola Unión Europea os concellos teñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para implantar a recollida selectiva da materia orgánica contida nos residuos urbanos. Con tal fin, deberán instaurar nas rúas o denominado quinto contedor, o de cor marrón, e producir compost de calidade a partir dos residuos orgánicos domésticos.

Se ben a xestión de residuos é unha competencia municipal, a Xunta de Galicia, a través de Sogama, destinará a este labor 17 instalacións (catro plantas de biorresiduos e 13 de transferencia), de tal forma que máis de 2,2 millóns de galegos dispoñan dunha instalación destas características a menos de 50 km de distancia.