Precisa que esta contía rexerase por seis eixes que calibrarán o financiamento global, a internacionalización, a relación coa empresa, a innovación na docencia, a investigación e a responsabilidade social
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o novo Plan de financiamento aspira a mobilizar arredor de 3.000 millóns de euros entre 2022 e 2026 para garantir as transformacións e o desenvolvemento das universidades galegas.
Durante o acto de apertura do curso académico 2021/2022, na Universidade da Coruña, Feijóo asegurou que o novo plan fixará a folla de ruta para, nos vindeiros cinco anos, relanzar o sistema cara á modernidade, a vangarda e o compromiso coa sociedade. Así, explicou que estes 3.000M€ mobilizados a través de recursos públicos rexeranse por seis eixes que calibrarán o financiamento global, a internacionalización, a relación coa empresa, a innovación na docencia, a investigación e a responsabilidade social.
Nesta liña, recordou que actualmente as universidades galegas reciben aproximadamente 450 millóns de euros en transferencias directas por parte da Xunta, “unha cifra récord que pretendemos aumentar no vindeiro ano”, sentenciou.
Así mesmo, incidiu en que o Sistema Universitario Galego e o Executivo autonómico comparten o obxectivo de aliñar a oferta co escenario social e económico do noso tempo. Para iso, resaltou a modo de exemplo a aprobación dun grao e máster de Intelixencia Artificial; e o mantemento da senda iniciada en 2017 coa renovación do mapa de titulacións –“daquela apostamos por 20 novos graos e agora continuaremos ata 2026 coa introdución de 13 máster e entre 10 e 12 graos”-.
Ademais de seguir apostando pola especialización, coa inmediata acreditación do Campus Terra da USC, Feijóo aseverou que se fortalecerá tamén “o noso sistema científico: coa acreditación dos 8 centros de investigación punteiros agrupados baixo o selo GUS, onde traballan máis de 1.600 persoas; e cun programa completo de formación investigadora e cunha novidosa iniciativa de retención de talento, que contan cun investimento de preto de 18 millóns de euros”.
“Seguiremos apostando pola excelencia do noso sistema universitario, pero para iso é necesario blindar a accesibilidade”, abundou, recordando a conxelación nos últimos once anos das taxas universitarias.
O presidente da Xunta concluíu a súa intervención apelando ao papel fundamental da Universidade para que Galicia saía fortalecida da postpandemia.