Friday 22 de November de 2024

O Concello pobrense reforza a compostaxe doméstica con outros 50 composteiros


O Concello da Pobra do Caramiñal pon en marcha a terceira campaña de compostaxe doméstica que suporá o repartimento de 50 novos composteiros. Dáselle así continuidade ao proxecto da compostaxe no municipio impulsado dende a Concellaría do Medio Ambiente, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra).

A adquisición desta terceira remesa está financiada cunha subvención de 13.630’63 euros da que resultou beneficiaria a Administración local, ao abeiro das axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico na convocatoria de Residuos 2020 (PIMA e PEMAR), que coas liñas de compostaxe pretende reduci-las emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) e mellorar na consecución do Plan Estatal Marco de Xestión de Residuos (PEMAR).

As persoas que desexen participar dispoñen ata finais de ano para formaliza-la súa solicitude a través do rexistro, preferiblemente o telemático. Entre os requisitos figuran: vivir de forma habitual no concello da Pobra do Caramiñal; dispor dun terreo (xardín, horta) cunha superficie mínima de 25 metros cadrados; e permitir o seguimento da compostaxe, previa cita, unha vez que se facilite o material.

Cómpre indicar que xa se distribuíron polo termo municipal un total de 110 composteiros domésticos mediante as dúas campañas previas. A primeira estivo financiada coa convocatoria de Axudas Residuos 2019 PIMA Residuos e PEMAR do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico; mentres que a segunda se atopaba ao abeiro da convocatoria da Orde de 5 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.