― A directora de Turismo de Galicia acompañou ao protagonista da sétima edición desta iniciativa organizada polo club de baloncesto Monbus Obradoiro para promocionar o Camiño de Santiago
― O Goberno galego colabora desde o seu inicio con este programa na que xa participaron grandes figuras do baloncesto mundial como Terry Porter, Juan Antonio Corbalán, Nikos Galis, Aza Petrovic, Amaya Valdemoro e José Manuel Calderón
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu esta tarde na praza do Obradoiro ao ex xogador da NBA Craig Hodges, tras finalizar o Camiño Portugués da Costa que iniciou hai uns días no marco de O Camiño remata en Obradoiro, unha iniciativa organizada polo club de baloncesto Monbus Obradoiro e apoiada pola Xunta durante as súas sete edicións.
O programa atrae desde hai sete anos a unha figura do baloncesto mundial para percorrer distintas etapas da ruta xacobea co obxectivo de promovela entre os deportistas e os afeccionados a esta modalidade deportiva. En anteriores edicións xa participaron os xogadores Terry Porter, Juan Antonio Corbalán, Nikos Galis, Aza Petrovic, Amaya Valdemoro e José Manuel Calderón.
Trátase dunha cita de referencia que une a promoción do deporte e do Camiño de Santiago, así como os valores que os unen relacionados coa solidariedade e o esforzo. Ademais, permite dar a coñecer o principal reclamo turístico de Galicia a nivel internacional. De feito, o Camiño está a vivir unha gran recuperación nos últimos meses e hoxe mesmo se entregou a Compostela 100.000 no que vai de ano.