_Tras a edición de 2020, que o secretario xeral valorou como “unha mostra do traballo en equipo e da correcta aplicación do protocolo FISICOVID”, serán 2.500 os deportistas que se darán cita ao longo das cinco sedes de Vigo, Marín, Sada, A Coruña e Cortegada nas que terán lugar un total de catorce actividades
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe nas instalacións da ETEA da presentación dunha nova edición da Semana Abanca que bota a andar o domingo 5 de setembro ata o 28 de novembro. Na súa intervención, o mandatario galego destacou a importancia da auga para Galicia, tanto polos “dez mil ríos dos que falaba Cunqueiro como polos 1.629 quilómetros de costa que compoñen o noso litoral”. Neste sentido apuntou a relevancia dos deportes náuticos, como o piragüismo, o remo e a vela que xuntan a un total de 46 deportistas olímpicos de Galicia, o 36% de todos os olímpicos galegos da historia. Estes tres deportes protagonizan, xunto ao esquí náutico, a Semana Abanca, que o secretario xeral describiu como “o mellor evento náutico nacional e o máis galego que existe”.
Ademais destacou as xestas dos olímpicos galegos en Toquio como as medallas de Nico Rodríguez (vela), Teresa Portela Carlos Arévalo e Rodrigo Germade (piragüismo), ou os diplomas do propio Carlos Arévalo e Antía Jácome (piragüismo), Caetano Horta (remo), Támara Echegoyen e Iago López Marra (vela) en deportes náuticos. E como non, o gran papel que están a facer os paralímpicos galegos coas medallas de ouro e de prata para Susana Rodríguez Gacio e Gustavo Rodriguez (tríatlon), os diplomas de Chano Rodríguez e Jacobo Garrido (natación) e a clasificación para as semifinais de Adrián Mosquera (piragüismo), tamén en deportes acuáticos.
Tras a edición de 2020, que o secretario xeral valorou como “ unha mostra do traballo en equipo e da correcta aplicación do protocolo marco FISICOVID- DXTGALEGO para salvagardar a actividade deportiva galega”, nesta ocasión serán 2.500 os deportistas de vela, piraguismo, remo e esqui nautico que se darán cita ao longo das cinco sedes de Vigo, Marín, Sada, A Coruña e Cortegada nas que terán lugar as catorce actividades como: Internacional de Kayak de mar (5 de setembro), a Copa Galicia de Bateis (11 de setembro), O Trofeo Ence escolar de Remo ergómetro (16 de setembro), o Campionato Ibérico ILCA (18 de setembro), o Tofeo Vila de Bouzas de cruceiros (25 de setembro), a Regata Divino Rei de cruceiros (2 e 3 de outubro), a Copa Ibérica de esquí náutico- GP Xunta de Galicia (o 9 de outubro), a Regata Isabel Zendal feminina J80 (23 e 24 de outubro), a Liga española de Remomar, a Gala do Remo Galego e o consgreso español de Remomar (do 12 ao 14 de outubro), a Gala do Piragüismo Galego (20 de novembro) e a Regata Aurelio Fernández Lage de Optimist (27 e 28 de novembro).