Saturday 16 de November de 2024

A C10 está de volta; máis inclusiva e con novo percorrido polo porto da cidade


O Concello abre o vindeiro luns un novo prazo de inscrición ao ampliar o número de matrículas en 400 persoas participantes o que permitirá que 1.400 corredoras/es participen na carreira popular máis emblemática da cidade

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez presentou esta mañá xunto ao presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, a carreira popular C10, que volve o vindeiro 3 de outubro ás rúas da cidade tras a pandemia. Deste xeito, dixo, a Coruña celebra a volta das carreira máis querida polas coruñesas e coruñeses. Será a décimo quinta edición dunha carreira que foi o inicio de todo o que representa hoxe en día este deporte na cidade.

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que unha das prioridades do Goberno local é potenciar o atletismo e as carreiras populares que fan que a cidade se posicione como un referente no mundo deportivo.

Unha carreira que presenta un novo percorrido polo interior dos peiraos e preséntase aínda máis inclusiva. Ademais, debido a mellora da situación sanitaria o Concello ampliará a inscrición a 400 persoas participantes máis. Así o vindeiro luns, 6 de setembro, ás 22.00 horas, abrirase un novo prazo para poder participar na carreira.

A C10 será máis inclusiva. A intención do Concello, explicou a concelleira, é avanzar no obxectivo de facer de Coruña 10 unha carreira 100% inclusiva. Neste apartado, sinalou Martínez, o noso agradecemento é para Aspronaga, Grumico e Enki polas súas achegas por facer desta carreira unha referencia de inclusión. Así as e os atletas con discapacidade teñen que decidir se queren participar na carreira adaptada (e competir en igualdade de condicións con outros/as atletas coa mesma discapacidade) ou entrar na táboa xeral dos tempos da carreira.

A concelleira resaltou o feito de que por primeira vez parte do circuíto da carreira (3,5 km) discorrerá polo porto. Martínez sinalou que se trata dunha oportunidade única para que tanto as persoas participantes como o publico coñezan unha parte da cidade normalmente pechada, e ademais abre un novo camiño para futuros eventos deportivos xa que permite a extensión de rutas urbanas en carreiras nunha distancia mínima de 2,5 km a través dunha zona ata agora exenta de uso deportivo, o que significa un excelente punto de partida para mellorar as rutas futuras doutras carreiras xa establecidas (C21 e C42).

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, manifestou a satisfacción da federación pola volta da carreira e agradeceulle o Concello a súa implicación nunha proba emblemática, “a proba nai das tres carreiras que se disputan na Coruña e que proxectan a imaxe non só da cidade senón tamén do atletismo e do deporte galego”. Hornillos cualificou o circuíto de fantástico con marcas rexistradas de nivel internacional.

Ao acto asistiron representantes de Aspronaga, Grumico e Enki.