Unha gran “Festa oitenteira” no polideportivo municipal de Ponte Carreira serviu para poñer o punto e final aos Campamentos Municipais de Verán do Concello de Frades, que pechan despois de ter marcado un novo récord de participación: 60 nenos e nenas, de entre 4 e 12 anos, durante os meses de xullo e agosto. Unha festa que, como todo o campamento, tivo lugar cumprindo as distintas medidas de prevención fronte á Covid-19.
A festa contou coa actuación especial de Bandullo Azul, co seu gran espectáculo “Flipa cos contos”, e moitos xogos e sorpresas para toda a rapazada presente, como a elaboración de distintos zumes de froitas a cargo das persoas monitoras de Vagalume Ocio e Tempo Libre ou a entrega de lambonadas por parte do alcalde de Frades, Roberto Rey, e o concelleiro de Xuventude, Juan Carlos Portos, que se sumaron á celebración.
O Concello de Frades, organizador deste programa de conciliación da vida laboral e familiar durante as vacacións escolares, contou coa colaboración da Xunta de Galicia, do Fondo Social da Unión Europea e da Deputación da Coruña.