A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, participou esta mañá na presentación do Festival Diversidarte, que tivo lugar na Fundación Luis Seoane, xunto co deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto; e a directora de proxectos de Poten100mos, Cristina de la Puente
A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, destacou na presentación de Diversidarte, o Festival polas Artes Inclusivas 2021, o compromiso do Goberno local coa inclusión social e a súa visibilización a través da cultura e a arte. Lembrou que o Concello da Coruña destina este ano máis de medio millón de euros a entidades de diversidade funcional e intelectual da cidade.
ç
A Fundación Luis Seoane acolleu a presentación da sexta edición do festival totalmente gratuíto, na que tamén participaron o deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto, e a directora de proxectos de Poten100mos, Cristina de la Puente. O acto foi amenizado polo grupo de percusión Metamorfosis, creado e xestionado directamente pola Plataforma Diversidarte e formado por músicos, persoas diversas e na súa maioría con Síndrome de Down; e dirixido polo músico Antonio Arias Mosquera.
Diversidarte é un referente non só social, senón fundamentalmente cultural, explicou Neira, e nese camiño imos da man non só o Concello da Coruña e a Deputación provincial, tamén as administracións públicas que cren na cultura como unha vía para a visibilidade e para a inclusión social. E por suposto, engadiu, a Fundación Emalcsa que traballa pola visibilización de persoas con algún tipo de diversidade pero tamén persoas que se poidan atopar en situacións de vulnerabilidade e que en moitas ocasións é a cultura a través das súas múltiples formas o que as engancha outra vez a esta parte da vida.
Pola súa banda, Xurxo Couto, asegurou que as administracións públicas teñen a obriga de traballar a prol dunha sociedade máis xusta e máis diversa. “Entendemos a cultura e a arte como ferramentas efectivas para normalizar a diversidade”, apuntou.
Cristina de la Puente introduciu o amplo programa do festival, que comeza mañá co concurso DiversimaCine na sede de Afundación, ás 19.00 h. O sábado, ás 19.00 h, Juan Manuel Montilla “El Langui”, dará unha conferencia e un concerto sorpresa no auditorio do Centro Ágora. O venres día 10 proxectaranse na Afundación os documentais seleccionados para o concurso DiversimaCine e o sábado, 11 de setembro, haberá un taller de musicoterapia, un concerto de Metamorfosis e outro conxunto das Orquestas Inclusivas de Andalucía e a Sociedade Coral Polfónica El Eco. O 18 de setembro pecharase o festival con varios talleres e a proxección e entrega dos Premios DiversimaCine 2021.