Para ambas convocatorias o prazo rematará o vindeiro mércores
Ata o vindeiro mércores día 25 permanecerá aberto o prazo de inscrición para participar tanto no Circuíto cultural e deportivo como na XX carrreira popular do Concello de Ordes.
No primeiro caso este ano as clases desenvolveranse nos meses de marzo, abril, maio e xuño, con obradoiros de cociña (nivel iniciación e avanzado); obradoiros de cociña infantís (a partir de 8 anos); baile moderno (a partir de 12 anos); baile en liña infantil (de 7 a 11 anos); bailes en liña para adultos; bailes de salón (iniciación e continuación); plantas medicinais; deseño e elaboración de bixutería; iniciación á fotografía e informática, ofimática e Internet (niveis I e II). Para apuntarse é necesario acudir ao departamento de Cultura e Deporte de 9 a 14 horas.
No eido deportivo este vindeiro domingo 1 de marzo celebrarase a XX Carreira Popular Concello de Ordes. Unha cita para xente de todas as idades con categorías que van dende a baby aos veteráns. Para poder competir é necesario inscribirse a través das páxinas www.carreirasgalegas.com e www.atletismogalego.org no caso das carreiras escolares (baby e cadete) e en www.championchipnorte.com para as carreiras absolutas (xuvenil- junior-promesa, senior e veteranos).
A organización ten previstos premios en metálico de 150, 100, 80 e 50 € para os tres primeiros clasificados segundo as categorías individuais, clubs federados e grupos do municipio. Tamén haberá outro especial de 150 para o centro académico do municipio que achegue maior número de corredores, para o que será imprescindible que se inscriban a través de FGAsantiago@gmail.com.