Saturday 16 de November de 2024

A escola infantil municipal de San Sadurniño inicia curso o próximo martes


O Concello agrupará temporalmente as aulas de 0 a 1 e de 1 a 2 anos ante a falta de matrículas de bebés

As familias con crianzas matriculadas na escola infantil A Rolada están convocadas a unha xuntanza informativa que se celebrará na Casa da Cultura este venres 3 de setembro ás 19.00h, de cara a comentar os aspectos xerais dun novo curso que botará a andar o luns coas entrevistas individuais e o martes co inicio do período de adaptación. Hai dúas novidades importantes con respecto ao ano pasado. A primeira é que se modifica o protocolo preventivo da COVID-19 e, a segunda, o agrupamento temporal das aulas de 0 a 1 ano e de 1 a 2 por falla de matrículas de bebés.

Até o momento o Concello confirmou 8 matrículas para a unidade de 1 a 2 anos e 10 para a unidade de 2 a 3, de modo que aínda quedarían dispoñibles 20 prazas que poden solicitarse en calquera momento e con ingreso inmediato, sen necesidade de agardar prazos de preinscrición. Neste sentido, as familias que precisen ou vaian precisar nos próximos meses deste recurso educativo e de conciliación poden contactar coa Axente de Igualdade no enderezo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal ou no teléfono 981 490 027 ext1.

A unidade que non recibíu ningunha petición foi a de bebés de 0 a 1 ano. O Concello agardou ata ben entrado o verán e, finalmente, optou por solicitarlle á Xunta a autorización para reagrupar temporalmente as posibles matrículas dos meniños e meniñas máis pequenas dentro da unidade de 1 a 2 anos, aínda que sen exceder o límite de 10 prazas que permite o reagrupamento. Se houbese maior demanda ao longo do curso reactivaríase a aula de 0 a 1 ano, quedando ambas aulas coas ratios habituais, é dicir, 8 prazas en 0 a 1 ano e 13 en 1 a 2.

En calquera caso, a EIM A Rolada xa leva varias semanas cos preparativos do curso 2021-2022. No centro fixéronse labores de mantemento nas aulas e no equipamento co obxectivo de que o próximo martes 7 de setembro todo estea a punto para comezar co período de adaptación, que se prevé máis doado por tratarse na súa maioría de crianzas e familias que xa foron parte da escola o curso pasado.

O que si cambia é o protocolo COVID, actualizado pola Consellaría de Política Social a raíz da progresiva mellora da situación sanitaria. Entre outras modificacións introdúcese a posibilidade de deixar os carriños dentro do centro, a de que as nenas e nenos poidan usar o calzado que traian posto da casa -antes era obrigatorio cambiárllelo para acceder á escola-, tamén que poidan coincidir no exterior da escola varias unidades de convivencia, a posibilidade de que a ANPA se poida reunir nas instalacións e programar actividades fóra do horario lectivo e que, mantendo as medidas preventivas axeitadas, as familias poidan acceder á aula nos períodos de adaptación.

O documento pode descargarse desde esta ligazón, xunto coa declaración responsable e de consentimento do plan de acción que -de ser o caso- ha de estar asinada por ambos proxenitores. Esta declaración ten que entregarse na xuntanza informativa que se desenvolverá este venres 3 de setembro a partir das 19:00h na Casa da Cultura á que están convocadas todas as familias matriculadas, aínda que só poderá asistir un dos seus membros. Nas xuntanzas individuais do luns xa poderán estar presentes as dúas persoas adultas na compaña da nena ou neno.