Friday 22 de November de 2024

Inés Rey: “O meu obxectivo é que A Coruña sexa unha referencia en materia de protección social, na reactivación económica e en facer unha cidade máis sostible”


A alcaldesa lembrou que desde hoxe as persoas autónomas e micropemes xa poden solicitar as axudas que se aprobaron co novo PRESCO, no que en menos dun ano investíronse máis de 20 millóns de euros para paliar os efectos da crise derivada da COVID.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou hoxe os principais retos que afronta o Goberno local cara os vindeiros meses. Rey sinalou que o seu executivo seguirá avanzando na recuperación económica, presentando proxectos para acadar unha cidade máis sostible, e para apuntalar os servizos de benestar social nun momento que aínda está marcado polas consecuencias da COVID-19. “O meu obxectivo neste momento é que A Coruña sexa unha referencia en materia de protección social e de servizos públicos, a reactivación económica e que fagamos unha cidade máis accesible e máis humana”, sinalou durante a súa intervención na que deu conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno local.

Rey lembrou que, desde hoxe, as persoas autónomas e micropemes xa poden solicitar as axudas aprobadas co novo PRESCO. Un plan, dixo, froito dese diálogo constante que mantemos co resto de grupos e, de maneira especial, coas forzas de esquerdas. Un plan de reactivación de máis de 6,2 millóns de euros que sumados aos 14,4 do primeiro plan suman máis de 20 millóns de euros para paliar os efectos económicos e sociais da crise derivada da COVID-19. “Unha cifra que non ten parangón en concellos do mesmo tamaño e poboación; un enorme esforzo orzamentario que fai o Concello”, dixo.

Ademais, o vindeiro 15 de setembro as coruñesas e os coruñeses poderán comezar a utilizar os bonos PRESCO de incentivos ao consumo que o ano pasado deron tan bo resultado.

Rey explicou que o Goberno local segue coa planificación dos recursos humanos no Concello cumprindo obxectivos da promoción política pública de emprego, a atención dos sectores prioritarios ou que afecten o funcionamento dos servizos públicos esenciais. Por iso, dixo, hoxe continuamos esa aposta de blindar e aumentar o emprego público e precisamente vimos de aprobar a convocatoria dunha oferta pública de emprego de 53 prazas, 40 de quenda libre e 13 de promoción interna.

Tamén se aprobaron dous proxectos importantes co fin de recuperar e mellorar o espazo público para as persoas. Incrementáronse en case 40.000 euros as aportacións municipais para urbanizar a rúa Mantelaría e para a mellora da accesibilidade do espazo público na contorna da muralla da cidade co fin de que as dúas actuacións sexan financiadas ao abeiro do programa ARRU, cunha aportación
municipal de 255.451 euros e cuxo investimento total son 400.000 euros. A reurbanización da rúa Mantelaría dará continuidade á sección de plataforma única que xa ten esta vía na parte máis próxima á rúa Estrela, acentuando coa supresión das beirarrúas o seu carácter peonil e facilitando a conexión co proxecto da rúa San Andrés

Por outra banda, o proxecto que xa se anunciara para mellorar a accesibilidade na contorna da muralla da Coruña, detrás do hospital Abente y Lago, nun soar onde estaba a Sanidade Militar; comprende un parque público e a construción dunha rampla de baixada desde a rúa San Francisco até a muralla. Neste senso, a alcaldesa indicou que “levamos máis de 2 millóns de euros executados na cidade Vella e hai previstos máis de 7 millóns de euros en obras neste mandato”.

Rey explicou que no eido da mobilidade o Concello segue paso a paso avanzando na rolda peonil que unirá san Diego co parque do Agra. Deste xeito, o Goberno local aprobou o proxecto de execución da rolda peonil na rúa alcalde Marchesi, no tramo entre as rúas Ramón y Cajal e Posse, e da rúa Río Monelos, no tramo comprendido entre a rúa Alcalde Marchesi e a ponte da avenida de Oza. Pretendemos, explicou a alcaldesa, mellorar as condicións de uso deste ámbito e darlle prioridade os itinerarios peonís fronte ao tráfico rodado. Cun orzamento de 676.734 euros, esta actuación enmárcanse no Plan Coruña Camiña co fin de xerar espazos públicos de calidade para poder camiñar e estar, para que as rúas e prazas se transformen en espazos de convivencia fiquen adaptados ás necesidades das persoas.

No eido do benestar social, aprobouse o convenio de colaboración coa Cruz Vermella cun importe de 64.000 euros para financiar o programa de transporte sanitario que permitirá ofrecer un servizo aos colectivos con dificultade para integración social.

Trátase dun servizo que na pandemia resultou esencial para dar resposta ás persoas máis vulnerables. No ano 2020 atendéronse a 331 persoas, cun aumento nun 11% de persoas atendidas respecto ao ano 2019