Thursday 21 de November de 2024

O Concello inicia a rehabilitación dos Campos da Torre Arsenio Iglesias


Con máis dun millón de euros de orzamento, cambiarase o céspede por un de última xeración, modificarase o sistema de rega automática e renovaranse os vestiarios

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que “este é un paso máis na aposta deste Goberno local por fomentar o deporte base da cidade e por dotar de boas instalacións á práctica das distintas especialidades”

O Concello iniciou as obras de rehabilitación dos campos da Cidade Deportiva da Torre Arsenio Iglesias, nas que se cambiará o céspede para adecuar un de última xeración, modificarase o sistema de rega automática e renovaranse os vestiarios.

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que “este é un paso máis na aposta deste Goberno local por fomentar o deporte base da cidade e por dotar de boas instalacións á práctica das distintas especialidades”. A rexedora tamén explicou que estas obras de rehabilitación son un compromiso do seu goberno desde o inicio do mandato e responden a unha demanda das usuarias/os: “Estes campos, polos que cada mes
pasan 18.400 persoas, son un dos epicentros deportivos da cidade, e por iso necesitan que a infraestrutura se adapte ás necesidades das persoas que os utilizan”.

Esta actuación, que conta cun investimento municipal de máis dun millón de euros, ten un prazo de execución de catro meses, aínda que poderían reducirse. O novo céspede homologado permitirá a práctica do rugby, ademais do fútbol. Deste xeito, daráselles resposta ás demandas dos clubs de rugby da cidade, que pedían unhas instalacións adecuadas para a práctica deste deporte.

A intervención nos Campos da Torre súmase ás reformas en distintas infraestruturas deportivas da cidade ás que o Goberno de Inés Rey lles deu prioridade como o campo de fútbol de Eirís –con máis dun millón de euros de investimento−, a reforma da cuberta da piscina de Riazor –cun orzamento de 263.000 euros− e a piscina do complexo deportivo do Castrillón, que conta cun orzamento de case dous millóns de euros. En total, son case 4,5 millóns de euros que o executivo local destina a mellorar as infraestruturas deportivas da cidade.