As sesións xirarán en torno ao cinema, os documentos e as cores. Terán lugar entre o 21 e o 28 de setembro na Casa da Cultura
O Concello de Lousame e a Universidade de Santiago de Compostela van poñer en marcha unha nova edición de “Camiños de coñecemento e experiencia, proxecto de democratización do coñecemento”, un programa gratuíto de formación universitaria dirixida a veciños e veciñas maiores de 50 anos.
Esta iniciativa, froito dun convenio asinado entre ambas institucións, forma parte do Programa Universitario de Maiores e inclúe tres seminarios teóricos, dous obradoiros prácticos e unha saída, que terán lugar entre o 21 e o 29 de setembro. A matrícula é gratuíta e pode formalizarse na Casa da Cultura ou chamando ao 981 82 57 80, en horario de 10:00 a 14:00 horas.
Programa
As actividades xirarán en torno a tres temáticas: o cinema como linguaxe, a documentación como soporte da historia e a simboloxía das cores. Todas as actividades terán lugar na Casa da Cultura de Lousame, en horario de 16:30 a 18:00 horas. O primeiro seminario será “O cine como linguaxe”, impartido o martes 21 de setembro por Álvaro Dosil Rosende, profesor do Programa Universitario de Maiores IV Ciclo da USC e investigador. Como complemento deste curso, o mércores 22 de setembro, impartirá unha sesión práctica sobre a mesma temática.
O segundo seminario, “Escribir a nosa historia. Obxectos, soportes e instrumentos de escritura”, será impartido o xoves 23 de setembro por Anxo Rodríguez, investigador da Facultade de Xeografía e Historia e profesor do Programa Universitario de Maiores IV Ciclo da USC, que impartirá un obradoiro práctico de análise de materiais arqueolóxicos e documentais o venres 24 de setembro.
Finalmente, o luns 27 de setembro está programado o seminario “Simboloxía das cores”, impartida por Nerea Varela Castro, colaboradora do Programa Universitario de Maiores IV Ciclo da USC. O martes 28 de setembro rematará o programa cun percorrido a pé polos arredores da Casa da Cultura para analizar o significado das cores.
“Camiños de coñecemento e experiencia” é un programa organizado pola Vicerreitoría de Titulacións da Universidade de Santiago de Compostela e polo Concello de Lousame, que contan coa colaboración da Consellería de Política Social, a Deputación Provincial da Coruña e o Banco Santander.