Friday 22 de November de 2024

Proseguen os obradoiros de conciliación na Pobra ata a véspera do inicio do curso escolar


O Concello da Pobra do Caramiñal achegou novamente a opción de conciliar durante a época estival cos obradoiros Móvete, destinados a crianzas con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos durante as vacacións de verán. A concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), manifestou que “cada ano aumenta o número de nenos e nenas que fan uso deste servizo”, de feito, neste 2021 move a un total de 165 cativos e cativas. A edil tamén salientou o persoal co que se contou: 15 monitoras contratadas e aproximadamente 20 alumnos e alumnas en prácticas do curso de monitorado de ocio e tempo libre.

Doutra banda, o coordinador dos obradoiros, Rubén López, indicou que se segue o protocolo establecido por mor da COVID-19 e que os grupos se distribúen aplicando a normativa vixente. Así mesmo, fixo fincapé no número de cativos e cativas que empregan o comedor neste ano, que se incrementou considerablemente con relación a edicións anteriores.

O campamento desenvólvese no CEP Salustiano Rey Eiras, sumando o EEI Fernández Varela durante os meses de xullo e agosto. O programa oferta a práctica de actividades lúdicas, culturais, deportivas e de xogo libre adaptadas a cada rango de idade.

O servizo comprende dende o 23 de xuño ao 8 de setembro, de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas. Ademais, ofértase o Servizo de Madruga (con posibilidade de entrar a partir das 07.30 ou das 08.00 horas) e a prestación de comedor de 14.00 a 16.00 horas, para dar maiores facilidades ás familias usuarias.