Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño prosegue coa súa programación cultural con cine ao aire libre o venres e o sábado


As sesións desenvolveranse a partir das 21:30h na pista multixogos dos xardíns municipais e, se chovese, trasladaríanse ao ximnasio do CPI

A primeira fin de semana de setembro tocaría celebrar o encontro audiovisual Chanfaina Lab, que deberá agardar polo menos outro ano máis para levarse a cabo como é debido. Porén, o Concello de San Sadurniño non renuncia ao cine. Por iso programou dúas proxeccións ao aire libre que terán lugar nos xardíns municipais -recoméndase levar roupa abrigosa- e, no caso de que chovese, trasladaríanse ao ximnasio do CPI. Así, este venres ás 21:30h pasarase de balde o filme infantil “A galiña Turuleca” e o sábado á mesma hora poderemos ver “O que arde”, de Óliver Laxe. Para cada cita hai 100 localidades dispoñibles, que deben reservarse no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal.

“A galiña Turuleca”, é un filme de animación infantil dirixido por Eduardo Gondell e Víctor Monigote que leva ao cine a galiña protagonista dunha das cancións máis coñecidas dos Pallasos da Tele, recordados aínda hoxe pola xente que pasa dos 40. Na súa primeira película, a galiña converterase nunha grande cantante que vivirá unha chea de aventuras.

Ao día seguinte proxectarase “O que arde”. A película de Óliver Laxe, protagonizada por Amador Arias e Benedicta Sánchez, obtivo nominacións en numerosos festivais e alzouse, entre outros, co premio do xurado no apartado Un certain regard do Festival de Cannes. O argumento da película é o día a día de Amador, un home de mediana idade que volve á súa casa na montaña de Lugo despois de cumprir condea por provocar un incendio. Case non hai diálogos e, malia ser ficción, o filme ten un tono documental sustentado nunha fotografía de grande calidade e nunhas interpretacións máis que convincentes, nas que destaca o papel que lle valeu a Benedicta o Goya como actriz revelación en 2020.

As películas proxectaranse na pista multixogos dos xardíns municipais. Hai 100 localidades dispoñibles para cada pase que deben reservarse o antes posible no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal.

Prégase puntualidade -mellor chegar ás 21:00 que ás 21:15h- para facilitar o labor de acomodación sen que se produzan demoras. No caso de que viñese mal tempo as sesións trasladaríanse ao ximnasio do CPI San Sadurniño.