Setembro está xa aí. E con el o remate da segunda quincena estrela das vacacións do verán. Momento de regreso á casa, ás rutinas e aos preparativos para o empezo da escola. Con todo, quen se anime e aínda teña tempo libre, pode aproveitar os últimos estalos da festa xeolóxica que vivimos durante as últimas semanas. E é que os concellos promotores do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal aínda manterán ata mediados do mes que entra a súa oferta de xeorrutas, a través das que descubrir -ou redescubrir- a espectacular paisaxe litoral e interior da nosa zona e a excepcional riqueza xeolóxica que atesoura.
Do venres 3 de setembro ao domingo 5 poderemos asomarnos aos cantís máis altos da Europa continental, ver como se formaron os xacementos de cromo da costa cedeiresa e os de cobre dos montes de Moeche.
Tamén asistiremos ao fenómeno da praia de Teixidelo (as prazas están completas e só hai opción de anotarse en lista de agarda), única no mundo por ter area negra de orixe non volcánica.
Incluso poderemos gozar dun percorrido marítimo desde Cedeira até os Aguillóns de Cariño tentando concibir, con axuda das explicacións do xeólogo Fran Canosa, as incribles forzas que modelaron unha paisaxe tan maxestosa e singular polo tipo de rochas que contén. Nas rutas en lancha rápida -que teñen un prezo de 50€/persoa- fan falla un mínimo de 8 inscricións e o máximo son 12.
O calendario de percorridos xeolóxicos desta temporada -organizados polos concellos- remata o domingo 19 coa xeorruta das Pías, en San Sadurniño. Porén, a empresa Rutas Cedeira ten intención de continuar coas xeorrutas marítimas ata ben entrado o outono, sempre que o tempo se manteña máis ou menos estable.
VENRES 3 DE SETEMBRO
Xeorruta marítima
10:00 – 12:00
Peirao vello de Cedeira (ao pé da Cruz Vermella)
50€/persoa (mínimo 8 e máximo 12)
Ruta marítima organizada pola empresa de turismo activo Rutas Cedeira. Partindo do peirao vello de Cedeira percórrese a costa do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal até Os Aguillóns descubrindo como se formaron os cantís máis altos da Europa continental e tamén outras peculiariedades da paisaxe que, vistas desde o mar, cobran unha nova dimensión. As reservas deben efectuarse no teléfono 722 615 382. Prezo: 50€, incluído seguro. As saídas están condicionadas ao estado do mar.
Xeorruta dos cantís
16:30 – 19:30
Cedeira
Gratuíta
Nesta ruta contemplaranse unhas impresionantes vistas panorámicas da Serra da Capelada, descubrindo así unha salientable estrutura xeolóxica de máis de 400 m de altitude. Do mesmo xeito poderanse tocar rochas que hai millóns de anos se atopaban a 70 km de profundidade. O percorrido está organizado polo Concello de Cedeira. Para inscribirse neste itinerario hai que cubrir o seguinte formulario en liña: https://goo.gl/tctbby
No momento de facer a inscrición haberá que indicar se se opta por saír desde a Oficina de Turismo de Cedeira ás 16:00h ou se se prefire ir directamente para o punto de inicio da ruta, situado no miradoiro do Chao do Monte (16:30h). Ambos puntos encóntranse neste mapa.
SÁBADO 4 DE SETEMBRO
Xeorruta do Cromo
10:00 – 14:00
Cedeira
Gratuíta
Nesta ruta percorreranse os cantís máis elevados da Europa continental, unha vista privilexiada para contemplar o litoral entre Teixido e a Punta do Cadro. Unha zona que xeoloxicamente destaca pola presenza de rochas moi pouco habituais na superficie do noso planeta. Asociadas a elas foron descubertas acumulacións de minerais de cromo e platino. Pero esta visita guiada permite ollar tamén a presenza dunha salientable falla que corta toda a Serra da Capelada.
Esta é outra das rutas organizadas polo Concello de Cedeira que adoitan completarse rapidamente. As reservas deben facerse neste formulario: https://goo.gl/xmgeSb
Neste caso tamén se dán dúas opcións para a saída: desde a Oficina de Turismo ás 9:30h ou ben estar ás 10:00h no cruceiro de Teixidelo. Ambos puntos atópanse marcados neste mapa de Google.
Xeorruta por Mina Piquito
Moeche
16:00-17:50h (Grupo 1)
18:10-20:00h (Grupo 2)
10€
Trátase dun xacemento de cobre que se explotou até finais dos anos 60 e que hoxe constitúe un dos espeleotemas máis rechamantes do noroeste peninsular. Nas galerías aínda hai restos da actividade mineira -vías, trabes, etc.- pero o que máis destacan son as estalagmitas e estalactitas de azuis e verdes de grande viveza.
Esta ruta está organizada polo Concello de Moeche e ten un custe de 10 euros. Nela, por cuestións de seguridade, só poderán participar maiores de 11 anos. O de Mina Piquito é o percorrido xeolóxico máis curto de todos cantos se ofrecen este verán. A entrada na mina farase en dous grupos, un a iso das 16:00h e outro a partir das 18:10h. No momento de publicar esta información había prazas dispoñibles en ambos. As reservas poden facerse neste formulario: https://goo.gl/9oVX8Y
DOMINGO 5 DE SETEMBRO
Xeorruta das praias negras (prazas completas)
10:00 – 16:00h
Cedeira
Gratuíta
Esta ruta xeolóxica organizada polo Concello de Cedeira permite coñecer a que está considerada como a única praia de area negra non volcánica do noso planeta. Pero, sen dúbida, o emprazamento desta praia de Teixidelo -aos pés dos cantís máis altos da Europa continental- fan desta zona un lugar de paisaxes incribles e cheo de contrastes. Ao longo da ruta tamén poderán ollarse a fervenza ou a falla de Teixidelo, unha estrutura xeolóxica que discorre por un fermoso val de orixe glaciar.
Prazas cubertas, aínda que é posible inscribirse na lista de agarda por se se producisen baixas. Hai que facelo en liña neste formulario https://goo.gl/6d3qJ0
A saída pode facerse desde a Oficina de Turismo de Cedeira ás 9:30h -subindo en coche até Teixidelo- ou ben acudir directamente ao punto de encontro, no cruceiro que queda a man esquerda subindo desde Santo André cara a Herbeira. Ambos puntos están localizados neste mapa.
Xeorruta marítima
17:00 – 19:00
Peirao vello de Cedeira (ao pé da Cruz Vermella)
50€/persoa (mínimo 8 e máximo 12)
Segunda oportunidade da fin de semana de cubrir por mar o espectáculo xeolóxico que ofrece o litoral desde Cedeira até Os Aguillóns. As reservas deben efectuarse no teléfono 722 615 382. Prezo: 50€, incluído seguro. As saídas están condicionadas ao estado do mar.