— A convocatoria deste ano está dotada cun orzamento total de 600.000 euros
— O importe da subvención oscila entre os 10.800 e os 15.000 euros por vivenda, dependendo do seu emprazamento e da idade que teña o adquirente
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de ampliar ata o 15 de outubro o prazo para a presentación de solicitude de axuda para a adquisición de vivendas en centros históricos, segundo a resolución do Instituto Galego da Vivenda e Solo publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia.
A convocatoria publicouse o pasado 15 de marzo, cunha dotación de 600.000 euros, e segundo as bases, os beneficiarios poderán optar a unha axuda de ata 15.000 euros para financiar a adquisición dunha vivenda xa construída (nova, usada ou que necesite rehabilitación) nun dos preto de 50 centros históricos existentes en Galicia e que están relacionados na orde da Consellería de Facenda publicada no DOG do 13/3/2018.
Poderán solicitar esta subvención as persoas que con posterioridade ao 1 de xaneiro deste ano subscribisen un contrato privado ou asinasen escritura pública de adquisición dunha vivenda cuxo prezo non supere o máximo establecido na convocatoria. Os ingresos dos solicitantes non poderán superar 6,5 veces o Iprem (48.877,33 euros), o que permitiría optar a estas axudas a case o 90% dos fogares galegos.
O importe máximo previsto de 15.000 euros aplicarase se a vivenda está localizada nunha Área Rexurbe —actualmente só os municipios de Mondoñedo, A Coruña e Ribadavia contan con esta figura—. No resto de casos a axuda será de ata 12.800 euros por vivenda se o adquirente é menor de 35 anos e de ata 10.800 cando o beneficiario supere esta idade.
Cómpre lembrar que estas axudas se enmarcan no Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, unha folla de ruta consensuada cos principais colectivos profesionais implicados no sector e coas asociacións de consumidores co obxectivo de chegar neste período a unhas 70.000 familias galegas.