Thursday 21 de November de 2024

A Xunta outorga axudas a seis concellos da contorna da Coruña para a execución de obas de abastecemento, saneamento e depuración cun investimento de máis de 355.000 euros


― O delegado da Xunta na Coruña visitou a zona de Merille, no concello de Coirós, onde informou que este municipio recibirá máis de 57.600 euros para levar a cabo melloras no abastecemento da Espenuca e no saneamento e depuración en Merille

― As axudas, compatibles con outros incentivos, subvencionan os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro na execución das obras, así como os gastos asociados a elas

― Con este tipo de iniciativas a Xunta mantén o apoio ás entidades locais na adopción de medidas que garantan o mellor funcionamento dos servizos da auga, que redundan na calidade de vida das poboacións dos municipios máis pequenos de Galicia

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Coirós, Francisco Quintela, visitou a zona de Merille onde informou que a Xunta investirá máis de máis 57.600 euros para levar a cabo melloras no abastecemento da Espenuca e no saneamento e depuración en Merille.

Trenor destacou que esta axuda inclúese dentro da nova orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para apoiar aos concellos máis pequenos, cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes, na execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración, á que destina un investimento global que rolda os 9 millóns de euros en toda Galicia, tras ampliar en preto de 5 millóns de euros a orde de axudas dotadas inicialmente con 4 millóns.

No caso dos concellos da contorna da Coruña, o delegado da Xunta, informou que estas axudas beneficiarán a seis municipios: Aranga, Coirós, Mesía, Paderne, Sobrado e Vilasantar, que recibirán en total máis de 355.000 euros para garantir o funcionamento óptimo dos seus sistemas de abastecemento municipal ou para actuar na modernización e aumento da eficiencia e eficacia das instalacións de saneamento e depuración existentes, así como na construción de novas infraestruturas.
Con esta liña de subvencións, a Xunta trata de apoiar actuacións nos municipios cunha poboación igual ou inferior aos 5.000 habitantes para garantir o mellor funcionamento destes servizos de competencia local.

O límite máximo das axudas foi de 50.000 euros por solicitude, sendo compatibles ambas as liñas de actuación. Así, os concellos tiveron a opción de presentar dúas solicitudes, unha referida a actuacións en sistemas de abastecemento e outra para actuacións en sistemas de saneamento e depuración.

Estes incentivos, compatibles con outras axudas, subvencionan os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro deste ano e inclúen, tanto os investimentos realizados na execución das propias obras, como os gastos asociados a elas en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial, de control de calidade ou de dirección dos traballos.

Con esta iniciativa, a Xunta segue a traballar cos concellos apoiándoos na adopción de medidas que garantan o mellor funcionamento dos servizos da auga, de competencia municipal, que redundan na calidade de vida dos veciños dos municipios máis pequenos de Galicia.

Esta actuación da Xunta conta coa financiación do eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

CONCELLO SISTEMA TÍTULO PROXECTO ACHEGA AUGAS DE GALICIA
Aranga Abastecemento Traída de augas municipal en la parroquia de Fervenzas 48.000,00 €
Coirós Abastecemento Abastecemento Espenuca e outros 17.899,02 €
Coirós Saneamento e depuración Saneamento Merille e outros 39.828,74 €
Mesía Abastecemento Actuacións de ampliación e mellora da rede de abastecemento de auga en diversos puntos do termo municipal 50.000,00 €
Paderne Abastecemento Traída de auga municipal en el lugar de Costa de Lucas – Os Carballos 50.000,00 €
Paderne Saneamento e depuración Rede de saneamento no lugar de Cruceiro 50.000,00 €
Sobrado Abastecemento Proxecto de abastecemento en Dombrete Sobrado 50.000,00 €
Vilasantar Abastecemento Mellora da eficiencia dos sistemas de tratamento de auga potable do concello de Vilasantar 36.588,72 €
Vilasantar Saneamento e depuración Substitución dun tramo de colector de saneamento en Vilasantar 13.351,71 €
TOTAL 355.668,19 €