Sunday 24 de November de 2024

A prensa publica a relación de bens afectados polo proxecto de modificación do parque eólico Novo


Hai uns días xa falamos dos plans de Naturgy para modificar o parque eólico Novo, que se estende polos concellos de San Sadurniño, Narón e Valdoviño. Hoxe La Voz de Galicia publica un “Especial Energías” no que, ademais de mencionar o “gran potencial” eólico da comarca e a “contribución” que supón o canon eólico para os municipios, tamén mete varias páxinas de publicidade institucional (da Xunta) coa relación de bens e dereitos afectados por este proxecto e polo de repotenciación do parque eólico das Somozas, en ambos casos de tramitación autonómica. É de supoñer que toda documentación técnica e administrativa para que as persoas interesadas poidan alegar sexa accesible no intre en que se faga a publicación oficial no DOG, seguramente mañá ou ao longo desta semana. Desde a última publicación do acordo de información pública, as persoas afectadas terán 15 días para presentar os seus escritos de alegación, dirixidos á sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellaría de Economía, Empresa e Innovación -R/ Vicente Ferrer nº2 – 2º, 15071, A Coruña-.

Case toda a información relativa ao proxecto de modificación do Parque Eólico Novo foille adiantada pola Xunta ao Concello hai uns días, xunto coas ligazóns de descarga de practicamente todos os documentos, agás o do anuncio de información pública que hoxe pode verse no especial de La Voz e que, con toda seguridade, tamén sairá no DOG e no BOP nestes días. O prazo de alegación empezará a contar desde o día seguinte á última publicación en calquera deses dous diarios oficiais.

Os documentos son os que poden descargarse ao pé desta nova e nos que se reflicten todos os aspectos dun proxecto consistente en retirar os 25 aeorxeradores actuais e substituílos por 6 de maior potencia -catro veces máis que os actuais- e altura -ata 200 metros- que tamén cambiarían de ubicación, concentrándose todos en territorio de Valdoviño.

O parque reduciría a superficie da súa poligonal e manteríase nos 18,75 MW de potencia instalada, coa diferenza de que os novos muíños serían capaces de chegar, segundo as estimacións, a unha produción neta superior aos 50GWh/ano. A información técnica describe, ademais, a restauración dos emprazamentos dos muíños que se desmantelen e das pistas que queden inutilizadas trala reconfiguración do parque e

San Sadurniño veríase afectado en canto a obras polo cambio das liñas soterradas que enlazan o parque coa subestación do Camiño Arriba, de aí que no anuncio da relación de bens e dereitos se mencionen afeccións por servidumes de paso. Dito doutro xeito, o que Naturgy quere facer é desenterrar as liñas existentes, cambialas por outras novas -xunto con cableado de fibra óptica para o control do parque- e volver tapar as gabias.

A falta de analizar con máis detalle a documentación, todo apunta a que as liñas seguirán o trazado actual. Na subestación, ademais, tamén se cambiaría a maquinaria eléctrica e na documentación sinálase que tamén se verían afectadas polo “radio de acción” das instalacións as parcelas lindeiras.

Un proxecto con tramitación acelerada
O Consello da Xunta de Galicia acordou o pasado 17 de xuño declarar este proxecto como “iniciativa empresarial prioritaria”, que lle permita a Naturgy compensar con enerxía eólica o peche da térmica de Meirama. Algo máis dun mes despois, o 27 de xullo, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais resolveu “a tramitación de urxencia” deste proxecto, de maneira que -tal e como recoñece a propia Xunta- “se reducen á metade os prazos establecidos para o procedemento ordinario”, salvo os relativos “á presentación de solicitudes e recursos”.

A documentación pode consultarse descargándoa da internet picando nas ligazóns facilitadas pola Xunta. Tamén se pode acceder a ela presencialmente solicitando cita previa na sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellaría de Economía, Empresa e Innovación en horario de 9 a 14:00h. -R/ Vicente Ferrer nº2 – 2º, 15071, A Coruña-, a través dos teléfonos 981 184 983 e 981 184 923 ou do correo electrónico seccion.enerxia.coruna@xunta.es. Nos concellos de Valdoviño, Narón e San Sadurniño tamén se dispón de copias dixitais dos documentos para consulta pública