• Realizan traballos de prevención de incendios en espazos públicos
O Concello de Abegondo contratou a tres persoas desempregadas para desempeñar o cargo de peóns forestais. Asumen os traballos de prevención de incendios en espazos públicos e faixas secundarias. Para iso acometen a limpeza e roza da biomasa vexetal.
A acción enmárcase dentro do programa Aprol Rural 2021, que subvenciona a Consellería de Emprego da Xunta de Galicia. O proxecto prolongarase durante 9 meses, con contratacións realizadas a tempo completo.
Con este programa son xa 14 as persoas en situación de desemprego que ten contratadas o Concello de Abegondo. Así, doutra banda, o Concello ten en marcha unha brigada para a prevención de incendios forestais. Está conformada por un total de 5 persoas traballadoras contratadas: un xefe de brigada, un peón condutor e tres peóns de brigada.
A iniciativa enmárcase no convenio de colaboración con Medio Rural para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais, cofinanciado parcialmente co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, ampliado para este ano. A brigada asume os labores durante 3 meses para o desenvolvemento de ata un máximo de 10,03 hectáreas de traballos de prevención de forma manual.
E finalmente, o Concello contratou outras 6 persoas traballadoras desempregadas para un proxecto de rexeneración de espazos de carácter público. Componse dunha cuadrilla cun tractorista, dous peóns de obras publicas e tres peóns forestais.
Asumen labores de mantemento e mellora de espazos públicos. Ten como obxecto o acondicionamento e posta en valor de diversas áreas de titularidade municipal. En xeral, as actuacións realízanse en diversos lugares como son áreas recreativas e de lecer, parques e xardíns e outras zonas verdes, contornas dos locais sociais, beirarrúas, estradas, vías e camiños públicos.
Os contratos de traballo son temporais, cunha duración prevista de 8 meses.
O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, aposta por levar a cabo programas desta clase que “combinan apoio ao emprego á vez que permiten desenvolver accións de interese veciñal”.
A estes 14 traballadores contratados polo Concello súmanse os alumnas e alumnas e profesores e profesoras dos dous talleres de emprego nos que participa Abegondo.