Monday 25 de November de 2024

A Xunta investirá 16.000 euros na posta en valor dos castros de Punta Frouxeira e do Coto do Redondo en Valdoviño


― O Goberno galego asinou un convenio de colaboración co Concello para poder levar a cabo estas dúas actuacións de recuperación deste patrimonio cultural de Galicia

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informou que a Xunta apoiará con 16.000 euros os traballos de posta en valor dos castros de Punta Frouxeira e do Coto do Redondo, consistentes, na limpeza e roza dos castros, a realización de varias sondaxes arqueolóxicas valorativas de cara a pescudar a potencialidade arqueolóxica dos xacementos, caracterización e encadre cronolóxico de cara á súa posta en valor, e accións de divulgación dos traballos arqueolóxicos.

Trenor destacou que se trata de castros costeiros, poboados fortificados situados en puntas costeiras que están rodeadas por cantís agás nas zonas de itsmo, onde desenvolven os seus sistemas defensivos, con presenza de foxos e murallas.

O castro de Punta Frouxeira está formado por un único recinto de 85 m no seu eixe N-S e 56 m no eixe L-W. Está rodeado por cantís, salvo no lado do istmo, onde presenta un sistema defensivo máis complexo cunha primeira defensa nunha muralla, seguida dun foxo, e logo un parapeto e un segundo foxo. No lado S conta cun terraplén. A parte do castro cara ao mar está moi afectada polo erosión mariña.

Por outra banda, tamén é de salientar o castro de Coto Redondo, outro castro costeiro de planta ovalada, cun un único recinto de 55 m no eixe N-S e 44 m no eixe L-W, se ben en orixe debeu ter máis superficie dado que tamén está afectado pola actividade do mar. Está delimitado polos cantís e, no lado L, por unha muralla de terra, un terraplén e conserva un pequeno anaco de parapeto. A entrada estaría cara á zona central da muralla, nunha inflexión en forma de cóbado.

O delegado da Xunta recalcou que no castro da Frouxeira realizouse unha sondaxe arqueolóxica na década dos noventa e no castro de Coto Redondo somentes se levou a cabo hai seis anos unha limpeza superficial das estruturas defensivas baixo control arqueolóxico.
Estes xacementos arqueolóxicos figuran protexidos no catálogo de bens culturais das Normas Subsidiarias de Planeamento do Concello de Valdoviño e mais no Plan Básico Autonómico de Galicia. Por tanto, teñen a condición de bens pertencentes ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

Xa que logo, tendo en conta os valores históricos, patrimoniais e naturais que reúnen estes xacementos arqueolóxicos, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (en diante DXPC) considera de interese levar a cabo neste ano actuacións de recuperación e de posta en valor dos mesmos.