A Concellaría dos Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal e a Fundación Mujeres levarán a cabo no municipio, a través do Servizo de Apoio Integral a Coidadoras no Medio Rural, financiado pola Deputación da Coruña, unha serie de talleres coa finalidade de mellorar a calidade de vida das coidadoras familiares.
Tal e como manifestou a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), as coidadoras constitúen un piar fundamental na sociedade e, sabendo o labor que desenvolven, “nós o que queremos agora é coidalas a elas”, razón pola que se poñen en marcha tres accións. A este respecto tamén se referiu a técnica de intervención social da Fundación Mujeres, María Hervada, quen indicou que o mencionado servizo abórdase dende a perspectiva de xénero e céntrase no apoio e en brindar a xestión emocional ás coidadoras, falando en feminino porque “no noso país, das persoas que coidan a dependentes na contorna familiar, 8 de cada 10 son mulleres.”
O obradoiro Quen coida de min, cunha duración de tres sesións, busca que as mulleres participantes tomen conciencia das consecuencias do coidar e identifiquen a saúde como un estado de benestar físico, mental e social incorporando hábitos saudables para sentirse mellor. Doutra banda, O teu tempo, o teu lecer, dunha única sesión, focalízase en que identifiquen as necesidades non satisfeitas e a súa relación co uso do tempo para promover un emprego equilibrado do mesmo que inclúa actividades propias e, ademais, ensinarase como elaborar un plan persoal de uso do tempo. E Se me escoito, escóitote, composto por dúas sesións, ten como finalidade que as coidadoras comprendan as estratexias e habilidades útiles para fomentar a empatía e desenvolver a escoita activa.
Todos eles son de balde e impartiranse na Casa da Mocidade no 20 e 27 de setembro, así como no 4, 11, 18 e 25 de outubro, en horario de 11.00 a 13.00 horas, seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19.
As persoas interesadas poden solicitar máis información e formaliza-la súa inscrición de maneira presencial no local dos Servizos Sociais ou mediante o teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 2502. A data límite para anotarse estipúlase no 13 de setembro. Así mesmo, procederase cunha primeira toma de contacto coas participantes na semana previa ao inicio dos talleres co obxectivo de adapta-lo contido das leccións.