— Acompañada do delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o albergue xuvenil Marina Española, que rematará o programa de verán este sábado
— Tamén coñeceu aos participantes no campo de voluntariado de Coirós, que están a realizar labores de conservación medioambiental nas ribeiras do rego das Bouzas
— Pola tarde coñecerá os labores da mocidade que participa do campo de voluntariado da Laracha
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañou ás mozas e mozos que están a desfrutar das últimas quendas da campaña de verán, nas súas distintas modalidades. Pola mañá, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o albergue xuvenil Marina Española que remata o seu calendario de actividades este sábado.
Alí destacou unha vez máis da importancia das actividades da campaña de verán por ser un servizo de conciliación fundamental para as familias, por xerar emprego nun sector como o do tempo libre e por permitirlle aos rapaces aprender, facer novas amizades e coñecer diferentes zonas da xeografía galega.
A directora xeral tamén se achegou ao campo de voluntariado de Coirós, onde mozas e mozos de entre 18 e 30 anos realizan labores de coidado e preservación medioambiental. En concreto, a zona de traballo foi as ribeiras do rego das Bouzas, afluente do río Mandeo. O traballo consistiu na eliminación de especiais vexetais invasoras e a limpeza do entorno.
Campo de voluntariado da Laracha
Pola tarde, Cristina Pichel tamén se achegou ao campo de voluntariado Castro de Montes Claros, unha das 13 novidades da oferta que presentou a Xunta este ano dentro dos campos de voluntariado da campaña de verán. Con este novo escenario foron un total de 40 os espazos que se puxeron á disposición da mocidade neste ano.
Este campo ten como temática o coidado medioambiental e arqueolóxico na zona dos Montes Claros. As mozas e mozos están aloxados no centro sociocultural de Santa Margarita, antigo hospital de peregrinos.