O prazo de preinscrición para a modalidade presencial destes cursos será os días 2, 3 e 4 de setembro
A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, lembra que o Goberno de Inés Rey ten por obxectivo reforzar o labor da rede municipal de centros cívicos, que “é de vital importancia para as persoas dos diferentes barrios da cidade”
O Concello da Coruña retoma as actividades socioculturais dos centros cívicos municipais nas modalidades presencial e en liña dirixidas a todos os sectores da poboación. As actividades presenciais comezarán o 4 de outubro nos correspondentes centros cívicos e impartiranse en grupos de 10 persoas máximo e 1 monitor. Nalgunhas destas, e para cumprir a distancia interpersoal de seguridade, os grupos serán máis reducidos. As sesións serán dunha duración de unha hora e media un día á semana, agás as actividades de apoio escolar, que se impartirán dúas veces por semana.
A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, lembra que o Goberno de Inés Rey ten por obxectivo reforzar o labor da rede municipal de centros cívicos, que “é de vital importancia para as persoas dos diferentes barrios da cidade”. Estes edificios públicos, apunta, son o epicentro das relacións interpersoais de moitas e moitos veciños e retomar a súa programación é esencial para o seu día a día.
As persoas interesadas poderán preinscribirse os días 2, 3 e 4 de setembro cubrindo o formulario en liña que atoparán na web de Servizos Sociais. Aquelas persoas que non teñan ordenador ou acceso a Internet, poderán preinscribirse chamando ao número de teléfono 881 150 191 en horario de 10.00 a 14.00 horas e
de 16.00 a 20.00 horas.
Cada persoa poderá preinscribirse nun máximo de 3 actividades por centro e de 3 clubes tamén por centro, por orde de preferencia. A cota de todas actividades será de 7 euros, agás para os clubes e as actividades de apoio escolar, cultura xeral e alfabetización, que serán gratuítas. A relación das actividades dispoñibles e horarios pode consultarse na seguinte ligazón: https://bit.ly/3yebcNL
O 8 de setembro publicaranse as listaxes de preinscritas/os na páxina web municipal, nas portas dos centros cívicos e tamén informarán ao respecto no 010. O 9 de setembro realizaranse os correspondentes sorteos en cada centro cívico ás 10.00 h. e o día 21 sairán publicadas a listaxes provisionais e de espera.
O prazo para presentar reclamacións serán os días 22 e 23 de setembro a través do 010 en horario de 11.00 a 13.30 horas e de 16.00 a 18.00 horas. O prazo para a inscrición e o pagamento de taxas serán os días 24, 27 e 28 de setembro recollendo a folla de autoliquidación no centro correspondente e, unha vez aboada e selada pola entidade bancaria, deberase presentar de volta no mesmo centro cívico.
A modalidade de actividades socioculturais en liña será a través da canle de
Youtube Coruña Acompaña (https://bit.ly/2M4TZDX) e non necesitan inscrición.
Comezarán o 27 de setembro e rematarán o 5 de decembro. As actividades
dispoñibles en liña son:
– Pilates
– Ioga
– Taichí
– Ximnasia cardio
– GAP
– Ximnasia de mantemento suave
– Fortalece a túa mente
– Sketching / inspiración creativa
– Traballos manuais
– Dance workout
– Abelorios e complementos
– Lettering
– Aprende inglés
– Animación en Stop Motion