A Pobra do Caramiñal será escenario neste 28 de agosto dunha serie de talleres dirixidos á mocidade. Baixo o nome de Final Lap 21, os obradoiros desenvolveranse na praza Alcalde Segundo Durán. A oferta consta de Produción Musical a cargo de Royce Rolo (de 11.30 a 13.00 horas) e de Iaghost (de 16.30 a 19.00 horas); DJing con G.Rich (de 16.30 a 19.00 horas); e Graffiti da man de Rome & Mr. Ets (de 11.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.00 horas).
A programación tamén inclúe o coloquio As mulleres na cultura urbana, ás 13.00 horas, dirixido por Marcia Vázquez; así como Boxes Club, en horario de 11.00 a 22.00 horas, con Abelo Valis, Shawty, Baby Romeo e Kaixo.
As actividades son de balde e as prazas cubriranse por orde de chegada ata cubri-la cabida.
Organiza a Concellaría da Mocidade, da cal é titular o edil José Andrés Lojo (Nós Pobra), e a Concellaría da Cultura, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), co apoio da Deputación da Coruña ao abeiro do programa Mocidade Creativa.