Por quinto ano consecutivo desenvólvese nos Xardíns de Valle-Inclán A nosa feira, unha iniciativa posta en marcha dende a Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal. Tal e como explicou a edil Charo Varela (Nós Pobra), trátase dunha actividade “segura, ao aire libre e que permite a distancia social” cuxa finalidade radica en apoiar o sector do comercio, neste caso, o itinerante. Constitúe así un atractivo turístico máis que busca tamén redundar positivamente noutros sectores coma, por exemplo, o da hostalaría e os propios establecementos do municipio. Neste senso, a concelleira valorou positivamente a afluencia de xente, con maior volume que noutras edicións. Concluirá no 31 de agosto despois de permanecer aberta dende finais de xullo.
A feira consta de dezaoito postos nos que se venden diversos produtos: téxtil, calzado, artesanía, xoiaría ou alimentación, entre outros. Ademais, o Concello puxo un dos stands, de maneira gratuíta, a disposición do comercio local pobrense e acubilla unha tenda de recordos.
Doutra banda, a titular da Promoción Económica fixo balance do mercado mariñeiro que se situou na praza Alcalde Segundo Durán do 19 ao 22 de agosto, enmarcado na programación da Semana do Mar, e que resultou “todo un éxito.”