Friday 22 de November de 2024

O Concello modifica o tráfico no mercado de San Agustín para avanzar nas obras da súa contorna


Desde mañá e durante un mes, manterase cortada ao tráfico a rúa Pío XII e habilitarase o paso pola rúa Praza, actualmente pechada

O Concello avanza nas obras de reurbanización da contorna do mercado de San Agustín, que comezaron o pasado 5 de agosto e cuxo obxectivo é darlle prioridade ás persoas coa creación dunha plataforma única.

A partir de mañá abrirase ao tráfico o tramo da rúa Praza máis próximo ao mercado, que corresponde coa parte traseira da Igrexa de San Jorge. Durante as vindeiras catro semanas, as obras continuarán na parte posterior da praza de abastos, motivo polo que se manterá cortado o tráfico da rúa Pío XII.

Desde este xoves habilitarase o paso pola zona actualmente pechada e os vehículos que accedan desde a rúa Xoán XXIII xirarán á esquerda e non poderán chegar até a parte posterior do mercado nin aos garaxes. Para chegar a esta zona, accederase desde a rúa Marqués de Pontejos xirando á esquerda e empregando este tramo para entrar e saír. O plan de futuro do Goberno de Inés Rey pasa por dar continuidade á praza do Humor e potenciar os laterais do mercado. O resultado será unha área de prioridade peonil análoga ás existentes en centros históricos onde só se permite o acceso de residentes, para as/os que se crearán novas prazas de aparcadoiro, así como zonas de carga e descarga. O proxecto, que busca unha mellor calidade urbana potenciando a arquitectura do edificio do mercado e que conta con fondos Eidus, ten un prazo de execución de nove meses e un orzamento de máis de 600.000 euros.

O Executivo local, na súa aposta pola mellora dos mercados nos barrios da cidade, suma 6,4 millóns de euros investidos con estes fondos nas reformas das prazas de abastos de Monte Alto, Durmideiras e San Agustín.