O Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal continúa recibindo neste mes de agosto visitas interesadas en coñecer os fondos orixinais cos que conta esta institución museística.
Na xornada do 24 de agosto achegáronse ata a Torre de Bermúdez o xeneral xefe da BRILAT Galicia VII, Luís Cortés Delgado; o tenente coronel xefe do Batallón, Francisco Martínez; e o suboficial maior, Manuel Fariña; acompañados por persoal de seguridade militar e de José Manuel Fernández Gómez, capitán da base náutica Palmira Scuba Club e anfitrión na súa xira polo municipio.
Durante o seu percorrido polas salas foron guiados polo director do Museo, Antonio González Millán, quen tamén lles fixo entrega dun agasallo de carácter protocolario: un exemplar da edición galega de O meu bisavó, relato valleinclaniano que ten por escenarios a vila do Caramiñal e a Torre dos Valle Bermúdez, tradución de Rocío Viéitez Ferro, así como unha ilustración numerada que recrea a estadía do escritor no casal da Mercé, creación contemporánea de Héitor Picallo Fuentes.